AD

Actualidad

Blas García: “Non debemos ter medo aos acordos: tamén se pode falar entre PSOE e PP”

today28 julio, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde destaca os avances en vivenda, políticas sociais, mobilidade e a defensa da AP-9 gratuíta: “Temos que escoller entre a cidadanía galega ou seguir premiando a Audasa”.

No ecuador da lexislatura, o alcalde de Ames, Blas García, fixo un repaso amplo da acción de goberno e dos proxectos estratéxicos en marcha nunha entrevista coa emisora Radio Líder Santiago. Nun diálogo con Álvaro Veiga, abordou cuestións tan diversas como vivenda, mobilidade, festas populares, xestión política e incluso a situación do goberno central.

“Ames é un concello que segue medrando, ao contrario que moitos en Galicia. Se seguimos así, en menos de dez anos superaremos os 40.000 habitantes”, afirmou con claridade. Para dar resposta a ese crecemento demográfico, García subliñou a aposta decidida pola vivenda pública e privada, así como pola creación de comunidades enerxéticas locais.

“Levamos dous anos de traballo intenso cun goberno novo e en solitario. Apostamos por políticas transformadoras como a conciliación, a prevención de incendios ou a sustentabilidade enerxética”.

O alcalde destacou especialmente o acordo coa Xunta para a cesión de parcelas en Milladoiro, onde se proxectan máis de 220 vivendas públicas. A isto súmanse actuacións en Bertamiráns e o apoio a promotores privados. “Algunhas vivendas xa están en construción, outras están sendo ocupadas tras desbloquear problemas administrativos. Estamos cumprindo co noso obxectivo: facilitar o acceso á vivenda”.

Un dos grandes proxectos urbanísticos en marcha é a humanización do Milladoiro, que está a piques de entrar na súa fase final. “Está avanzando a bo ritmo e, se non hai imprevistos, estará rematada no primeiro trimestre de 2026”, asegurou. A obra implica a renovación integral da Rúa principal con novas beirarrúas, medianas transitables, luminarias e semáforos.

Tamén abordou a liberalización da peaxe da AP-9, un asunto no que Ames ten sido pioneiro. “Temos que escoller entre a cidadanía galega ou seguir premiando a Audasa. A decisión está nas mans do Goberno do Estado”, afirmou García, que liderou a creación dun grupo de concellos para esixir a eliminación do tramo de pago en Padrón. Ames, Padrón, Dodro, Boiro, Ribeira, A Pobra e outros sumáronse á iniciativa.

“Non se pode politizar esta reivindicación. A peaxe da AP-9 afecta a todos, voten ao PP, ao PSOE, ao BNG ou non voten”.

Sobre a ausencia de Santiago neste grupo de presión, foi claro: “Santiago non está porque non quixo estar. Houbo achegamentos, pero non deron o paso adiante”. Tamén lamentou que a política estea excesivamente polarizada: “Gustaríame ver ao PSOE e ao PP chegando a acordos importantes, sen pensar sempre en termos partidistas”.

Xa en clave cultural, avanzou os detalles da programación de festas do verán. Ames celebrará os seus festexos entre o 1 e o 10 de agosto, con eventos en Milladoiro e Bertamiráns. Unha das principais novidades será a accesibilidade no festival Millarock, que contará con plataformas elevadas para persoas con discapacidade e mochilas vibratorias para persoas xordas.

“Queremos que todo o mundo poida vivir a música. A festa é cultura e cohesión social”.

Tamén se estreará o Festival Emerxente, un espazo para que novos artistas locais poidan facer os seus primeiros directos nun escenario profesional: “Queremos dar visibilidade ao talento mozo que agora só vive en Instagram”.

Finalmente, Blas García referiuse á situación política estatal, onde defendeu a celebración de eleccións anticipadas e expresou abertamente o seu apoio a Pedro Sánchez: “Son pedrista. Coñezo a Pedro Sánchez desde 2005 e creo que si houbese eleccións este ano volvería a gobernar. É o presidente máis atacado da historia recente e aínda así liderou avances sociais e económicos innegables”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *