Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 septiembre, 2025
O alcalde de Ames, Blas García, foi entrevistado esta semana para facer balance da actualidade municipal e presentar os proxectos que marcarán o futuro inmediato do concello. O rexedor destacou especialmente a transformación urbanística e social do Milladoiro, o impulso á vivenda pública e a creación de novos espazos de encontro e servizos para a cidadanía.
“Estamos creando o Milladoiro do futuro. O Milladoiro de dentro de dez anos non vai ter nada que ver co que coñecemos agora”, afirmou con rotundidade García, quen puxo en valor o investimento de máis de 4 millóns de euros na humanización do núcleo urbano, así como a construción dun novo centro educativo e a posta en marcha dun centro multifuncional destinado á formación e á mocidade. O rexedor subliñou que o Milladoiro, con máis de 13.000 habitantes censados, “é practicamente un concello en si mesmo e debe ter o investimento que merece”.
O alcalde tamén quixo desmontar o estigma histórico que acompañou o Milladoiro, a miúdo cualificado como “o Bronx” ou visto como un simple “barrio periférico de Santiago”. “Estamos deseñando un Milladoiro novo, con identidade propia, que deixará atrás esa etiqueta. En dez anos será un referente urbanístico e social, moi distinto ao que coñecemos hoxe”, sentenciou García.
Un dos anuncios máis relevantes foi a confirmación do convenio coa Xunta de Galicia para a construción de 220 vivendas públicas en seis parcelas cedidas polo concello. “Para nós, a vivenda é a aposta real, con fondos e con investimentos. Ao final deste mandato verase claramente ese compromiso”, asegurou. O proxecto forma parte da estratexia global de dotar ao Milladoiro de servizos e infraestruturas que o convertan nunha cabeceira digna para todo o municipio.
Outra das novidades é a creación dun mercado de produtos da horta e artesanía en Bertamiráns, que se celebrará todos os sábados na Praza da Maía. A iniciativa, financiada en parte con fondos europeos a través do GDR Terras de Compostela, “pretende poñer en valor os produtos de proximidade e a artesanía local, dentro da estratexia de axenda urbana de Ames”, explicou García.
Paralelamente, avanzou o proxecto dun mercado municipal cuberto en Bertamiráns, cun investimento previsto de 3 millóns de euros cofinanciados pola Deputación, a Xunta e o Concello. O edificio será sostible e contará con espazos para postos de peixe, carne e hostalería, ademais dunha zona de degustación.
No ámbito deportivo, o rexedor anunciou que antes de finais de ano se licitará o complexo deportivo do Milladoiro, valorado en 10 millóns de euros, que incluirá unha piscina olímpica de 25 metros, unha piscina complementaria e un ximnasio de última xeración. “É unha aposta moi importante para o Milladoiro e para todo Ames”, sinalou.
A entrevista tamén serviu para repasar os retos no ámbito educativo. García lembrou a posta en marcha da cociña central escolar, que xa serve preto de 1.500 menús diarios, e recoñeceu problemas puntuais de saturación en centros como o CEIP de Ventín. “Precisamos máis profesorado e máis espazos para dar resposta a un alumnado crecente e diverso”, advertiu.
En materia de mobilidade e seguridade viaria, o alcalde puxo o foco na estrada AC-544, onde se produciron varios accidentes mortais na última década. Anunciou que a Xunta presentará en breve o proxecto de mellora tras anos de reclamacións. “É un paso moi importante, porque falamos dunha demanda histórica dos veciños de Trasmonte e de toda a corporación municipal”, engadiu.
O alcalde tamén aproveitou para lanzar unha mensaxe crítica contra a oposición. “Vexo que por parte dunha parte da oposición hai un intento constante de que non prospere nada en Ames. Seguen coa política antiga de ‘canto peor, mellor’”, lamentou, lembrando exemplos como a oposición inicial a destinar parcelas á vivenda pública ou a crítica á solicitude dun crédito para rematar o centro multifuncional.
Escrito por Líder Redacción
alcalde de ames ames bertamirans blas garcia milladoiro politica
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)