AD

Comarca

BNG reclama a cesión gratuíta do tramo ferroviario Fraiz-A Moniña en Ames para convertelo en senda verde

today26 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

A preguntas do BNG, o Goberno confirma estar en disposición de ceder o tramo mais Néstor Rego exixe que sexa unha cesión gratuíta e permanente

Escarlata Pampín denuncia que o goberno municipal “non moveu un só dedo” para negociar con ADIF este proxecto que ten por obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza de Ames

Madrid, 26 de febreiro de 2026. O Bloque Nacionalista Galego volve reclamar ao Goberno do Estado que a cesión do tramo ferroviario en desuso entre Fraiz e A Moniña, no concello de Ames, se realice de maneira totalmente gratuíta, co obxectivo de facilitar a súa transformación nunha senda verde que mellore a calidade de vida da veciñanza.

Na resposta oficial, o Goberno indica que ADIF está “en total disposición de ceder o uso dese tramo ao Concello de Ames baixo a fórmula dun contrato de vía verde cunha renda testemuñal e un prazo inicial de 20 anos”, sinalando ademais que o Concello debe dirixirse á Xerencia de Patrimonio e Urbanismo Noroeste da entidade. Porén, para o BNG esta proposta resulta insuficiente.

Néstor Rego: “Debe ser unha cesión gratuíta e definitiva”

O deputado nacionalista subliña que “falamos dun tramo ferroviario completamente abandonado, cuberto de maleza e en progresivo deterioro, que perdeu a súa funcionalidade como infraestrutura de transporte e que podería converterse nun espazo de mobilidade sustentábel e de lecer para a veciñanza”.

Rego considera que a fórmula proposta por ADIF, baseada nun contrato temporal con renda —aínda que sexa simbólica— “non é a máis axeitada nin a máis xusta”. “Se realmente existe vontade política, o lóxico é proceder ao traspaso gratuíto da titularidade ao Concello de Ames para que poida asumir con plenas garantías a súa conservación, recuperación e posta en valor” defende.

O deputado do BNG lembra que a recuperación deste tramo como senda verde contribuiría a promover hábitos saudábeis, a fomentar alternativas de mobilidade non contaminantes e a avanzar nun modelo de desenvolvemento respectuoso co medio ambiente, en coherencia cos compromisos da Axenda 2030.

Escarlata Pampín: “O goberno municipal debe mover ficha”

Pola súa parte, a portavoz municipal do BNG en Ames, Escarlata Pampín López, denuncia que o goberno local “non se puxo en contacto con ADIF para abordar este proxecto, malia existir xa unha resposta oficial que abre a porta á cesión”.

Pampín cualifica de “incomprensíbel” a inacción do executivo municipal e reclamou que inicie de inmediato as xestións necesarias ante ADIF para garantir a cesión do tramo en condicións favorábeis para o interese público.

“Estamos ante unha oportunidade para gañar un novo espazo público, seguro e sustentábel, que conecte parroquias e fomente a mobilidade peonil e ciclista. O Concello non pode deixar pasar esta ocasión” afirma.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *