AD

Actualidad

Borja Golán recibirá a medalla do Concello de Ames no acto do Día de Galicia

today24 junio, 2024

Background
share close
AD

O Concello de Ames vai a recoñecer a traxectoria e palmarés do deportista amesán, Borja Golán, que o pasado ano anunciou a súa retirada do deporte profesional. Entregaráselle a medalla do Concello de Ames no acto do Día de Galicia 2024. Así foi acordado por unanimidade na Xunta de voceiros celebrada o pasado 14 de xuño. Borja Golán é o mellor xogador da historia do squash español con 17 campionatos de España e dous campionatos de Europa. Ademais, sumou 21 europeos consecutivos xogados con España desde 1999. Foi o primeiro xogador de fala hispana en meterse dentro do top 10 mundial (setembro de 2009) e chegou a ser top 5 do mundo en abril de 2014. Estivo imbatido en España durante 17 anos consecutivos (maio 2002- febreiro 2019).

O Concello de Ames quere homenaxear a unha lenda do squash español e internacional como é Borja Golán, que decidiu retirarse das pistas en maio de 2023 tras 22 tempadas no circuíto profesional. Dese xeito, entregaráselle a medalla do Concello de Ames no acto do Día de Galicia deste ano.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “Ames ten unha débeda con Borja por levar o nome do concello polo mundo adiante. Coa entrega da medalla do Concello de Ames queremos agradecerlle a súa entrega e dedicación ao squash e por facer medrar este deporte. É unha lenda do squash a nivel nacional e internacional. Os seus éxitos profesionais acredítano como un profesional cunha gran calidade dentro da pista, pero tamén cunha gran calidade humana e humildade”.

Borja Golán comezou a xogar ao squash con 9 anos. Con 10 anos conseguiu ser o primeiro galego en gañar un campionato de España, na categoría sub 10. Con tan só 14 anos gañou o campionato galego absoluto. Con 16 anos debutou coa selección Española absoluta e alcanzou a final do Aberto Británico sub 17. Ao cumprir a maioría de idade tiña claro que quería ser xogador profesional ou, polo menos, intentalo, así que foi vivir a Inglaterra da man de John Milton.

En 2002 sacou a licenza profesional da PSA (Asociación Profesional de Squash). Despois de varios anos de preparación e moitas viaxes logrou o seu primeiro gran fito, meterse entre os 10 mellores xogadores do mundo (setembro de 2009). Foi o primeiro xogador de fala hispana en conseguilo. Pero ao pouco tempo lesionouse de gravidade ao romper o ligamento cruzado. Isto provocou que baixase ata a posición 106 só 8 meses despois de entrar no top 10 mundial. Pero recuperouse e en abril de 2014 conseguiu ascender ao posto número 5 da clasificación mundial.

Palmarés de Borja Golán
Borja Golán competiu 22 tempadas no circuíto profesional (2002 – 2023). Durante a súa carreira profesional xogou 43 finais do PSA e gañou 32 títulos. Os mellores resultados que obtivo en torneos Súper Series foron finalista no Aberto de Hong Kong (2013); semifinalista no Aberto de Hong Kong (2014); semifinalista no Aberto de Qatar (2013); semifinalista no Aberto de Windy City -Chicago- (2017); 2 veces cuarto finalista no campionato do Mundo; e 4 veces cuarto finalista en outros torneos Súper Series.

A nivel europeo conseguiu dous campionatos de Europa a nivel individual (Praga 2016 e Graz 2018) e foi 4 veces subcampión de Europa individual. Ademais, logrou o subcampionato de Europa con España (mellor resultado da historia) en 2019 disputado en Birmingham (Reino Unido); e maila medalla de bronce no europeo con España en 2018, xogado en Wroclaw (Polonia). Disputou 21 europeos consecutivos con España dende 1999.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%