Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 febrero, 2026
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, aproveitou o Debate do Estado do Municipio para presentar o que definiu como “as trazas do futuro goberno do cambio”, un conxunto de 25 medidas claras, concretas e de execución inmediata coas que o Partido Popular aspira a recuperar o pulso dunha cidade que, ao seu xuízo, “hoxe está peor que en 2023”.
“Somos a única alternativa real e, polo tanto, temos tamén unha obriga institucional: mostrarlle á cidadanía como sería o noso goberno e cal é o proxecto de cidade que defendemos”, afirmou.
Verea reiterou dous compromisos inmediatos que marcarían o inicio do seu goberno: o derrubo da Casa da Xuventude para abrir definitivamente o Parque de Belvís e a retirada inmediata dos radares de comiso de Conxo, “sen máximas nin condicións”. “Serán os meus dous primeiros decretos, con dúas ordes claras. Dous compromisos inmediatos e sen ambigüidades”, asegurou.
En materia de vivenda, o líder popular defendeu a necesidade de incrementar a oferta de maneira urxente e eficaz. Apostou pola creación dun Banco Público de Vivenda a través dun programa voluntario que permita mobilizar centos de pisos a prezos accesibles, pola modificación do planeamento para facilitar a construción e pola bonificación do IBI aos propietarios que destinen os seus inmobles a alugueiros de longa duración e prezos asumibles. Tamén propuxo permitir vivendas en baixos comerciais, especialmente en Conxo e Santa Marta, como fórmula para dinamizar barrios e ampliar a oferta residencial.
No ámbito deportivo, comprometeuse a recuperar o proxecto orixinal da piscina olímpica de Santa Marta, aprobado por unanimidade e posteriormente reducido polo actual goberno, completándoo cun pavillón multideporte e salas polivalentes. Ademais, anunciou a creación dunha Cidade do Fútbol en San Lázaro con dous novos campos para dar resposta á demanda crecente.
A conciliación será outro dos eixos fundamentais do proxecto popular. Verea defendeu un modelo integral no que madrugadores, comedores e actividades extraescolares funcionen de maneira coordinada para que o tempo que os nenos e nenas pasan fóra da casa sexa tempo de calidade. Nesa mesma liña, propuxo crear unha rede de cociñas públicas propias en cada escola, eliminando o sistema actual de gran cociña central con catering frío. “Produto de proximidade, si, pero sobre todo cociña de proximidade”, subliñou.
O líder popular tamén comprometeu a execución de parques cubertos, lembrando que “en 2026 Santiago non pode seguir sen ofrecer alternativas cando chove durante meses”. No rural, anunciou a creación dunha oficina móbil para facilitar trámites administrativos, o cumprimento efectivo do Pacto polo Rural garantindo investimentos anuais en todas as parroquias, a posta en marcha dun transporte a demanda e a modificación das ordenanzas para facilitar a construción de vivenda para as familias.
En materia de mobilidade e aparcamento, propuxo a construción dun aparcadoiro subterráneo no Campo Sur con 500 prazas e tarifas públicas reducidas para facilitar a peonalización do Ensanche, o soterramento e ampliación do aparcadoiro municipal de Belvís duplicando prazas e conectándoo coa Praza de Abastos, así como a contratación dun estudo para habilitar un novo estacionamento baixo a propia Praza de Abastos.
No ámbito da seguridade, anunciou o incremento da plantilla da Policía Local con 100 novos efectivos e a modernización das cámaras de videovixilancia con sistemas intelixentes. Comprometeuse tamén ao cumprimento estrito dos prazos de pagamento a provedores, á remodelación integral do refuxio de animais de Bando e á posta en marcha dun plan cuatrienal intensivo de mantemento de estradas e beirarrúas.
Un dos proxectos estratéxicos será converter Peleteiro no verdadeiro corazón do Ensanche, destinando a totalidade do espazo a equipamentos públicos: unha gran praza-parque, ximnasio e piscina, centro de día e casa do maior, biblioteca e auditorio.
Para rematar, Borja Verea asegurou que o debate serviu para constatar que “este goberno non foi quen de solucionar ningún dos grandes problemas da cidade nin de cumprir as súas promesas”. “É un clamor: Santiago non está mellor que en 2023. Con Goretti Sanmartín todo funciona peor”, afirmou.
“Pero tamén serviu para abrir as portas ao único proxecto de cambio posible. O Partido Popular está preparado para gobernar, para escoitar e para ofrecer o futuro que Santiago merece”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
borja verea debate do municipio politica Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)