Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today14 noviembre, 2025
• Verea destacou que, “fronte a inacción e o abandono do goberno do BNG e CA aos autónomos e pequenos comercios da cidade, nós propoñemos un Plan de choque urxente de apoio aos comercios e autónomos santiagueses, con medidas concretas” .
• Engadiu que “os problemas e as ameazas están aí e son coñecidas, pero o goberno bipartito nada fixo para incentivar o relevo xeracional; co problema de alugueiro dos baixos, nada fixeron; cos custes salariais, nada fixeron; co exceso de burocracia, nada fixeron; e ante o cambio do uso dos consumidores, nada fixeron”.
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe, en rolda de prensa, que, “fronte a inacción e o abandono do goberno do BNG e CA aos autónomos e pequenos comercios da cidade, nós propoñemos un Plan de choque urxente de apoio a comercios e autónomos santiagueses, con medidas concretas”.
“Hoxe en Santiago manter e abrir un comercio é un acto de resistencia, porque teñen todos os factores en contra, posto que o goberno de BNG e CA demostran, cada día, que son incapaces de por en marcha apoios ao pequeno comercio, nós preguntámonos: que medidas tomaron nestes dous anos e medio?, alguén podería dicir algunha? Non existen, a realidade é que estamos ante un escenario de grave crise comercial, con 100 negocios perdidos no último ano”, agregou.
O tamén parlamentario engadiu que “os problemas e as ameazas están aí e son coñecidas, pero o goberno de BNG e CA nada fixo para incentivar o relevo xeracional, co problema de alugueiro dos baixos, nada fixeron; cos custes salariais, nada fixeron; co exceso de burocracia, nada fixeron; e ante o cambio do uso dos consumidores, nada fixeron”.
Neste encontro cos xornalistas, no que estivo acompañado pola concelleira popular, Olaya Otero, e o presidente de Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos España (UPTA), Eduardo Abad, Verea insistiu en que “a reunión é para propoñer medidas, é dicir, explicar o que faría o noso goberno para revitalizar o pequeno comercio da cidade e que faríamos para frear a grave crise de comercio que ten hoxe Santiago”.
Verea detallou algunhas das iniciativas que establecería, como: “unha estratexia de relevo xeracional, que suporía poñer en contacto ao propietario co emprendedor mozo, interesado en continuar con ese negocio; bonificacións no IBI; axudas ao traspaso; tamén alugar locais por parte do Concello e cedelos a prezos asumibles a mozos emprendedores, que queiran continuar actividade ou iniciar unha nova; e axudas á formación neste relevo xeracional, o que sería a figura de aprendiz”.
“Tamén -explicou- constituiría unha oficina exprés para negocios e comercios, co fin de que toda persoa que queira abrir un negocio en Santiago teña un trato personalizado e prioritario, para eliminar toda a burocracia e todos os retrasos que supoñen un peso engadido a todas as cargas que xa teñen que soportar os que deciden por en marcha unha actividade económica”.
O líder popular asegurou, ademais, que iniciaría programas específicos en cada unha das áreas comerciais da cidade, “un programa de atracción de turistas e consumidores ao Ensanche, coa rexeneración de espazos emblemáticos, como o xa mencionado moitas veces, espazo de Peleteiro, pero engadimos un novo, a praza das galerías do Ensanche, que leva anos e anos completamente abandonado e que está nun sitio privilexiado, onde se poden activar medidas de innovación cultural, gastronómica e cultural”.
“Tamén potenciaremos Área Central -subliñou Verea- como ese gran proxecto de ocio e consumo familiar, estamos falando dun dos maiores espazos en Galicia en metros cadrados cubertos; e engadimos propostas para o Casco Histórico dentro do noso Plan, como a festa do Románico, que conectará as nosas raíces culturais europeas nun programa amplo de ocio, música, comercio e gastronomía”.
Así mesmo, asegurou que esta iniciativa pretende tamén “rehabilitar espazos públicos, especialmente, no Casco Histórico, para coworking para autónomos, que permitirá desenvolver a súa actividade a baixo custe, sobre todo, nos primeiros momentos”.
Borja Verea insistiu en que “fronte ao desgoberno, ao despilfarro, a decepción nós imos a seguir propoñendo medidas, porque sabemos e cremos que Santiago merece outro goberno e continuaremos traballando, como o estamos facendo, en positivo e con propostas e con xenerosidade, pensando no futuro dos santiagueses”.
Pola súa banda, a edil popular, Olaya Otero, explicou algunha outra das medidas que conformarían o Plan de choque anunciado por Borja Verea, como a reactivación da Mesa Local de comercio, “para favorecer unha participación real do sector na toma de decisións e no deseño da estratexia comercial da cidade, unha obriga que o goberno de BNG e CA está incumprindo”.
“Procederíamos -remarcou- á creación dunha Comisión Específica para revitalizar o comercio tradicional na Zona Histórica, dando prioridade aos artesáns con oficios tradicionais, ademais da elaboración dun Plan de Revitalización Comercial para esta mesma zona, centrado en novas infraestruturas, conectividade dixital, mobilidade sostible e innovación e na elaboración dun Plan Urbanístico de Usos Comerciais”.
Otero tamén propuxo a “creación e posta en marcha dun Censo de Locais Comerciais Baleiros Dixital, que sirva como ferramenta áxil, transparente e eficiente ás persoas emprendedoras que queiran establecerse no noso Concello e axudar así á remuda xeracional”, ademais de facilitar o aparcamento, coa extensión de zonas exprés e o fomento e conexión cos aparcamentos de borde, entre outras medidas.
Finalmente, na súa intervención, Eduardo Abad insistiu en que, nos últimos anos, foron moitos os postos de traballo que se destruíron en Santiago, tanto en comercio como en actividade económica, mentres o resto da provincia está a gañalos, “polo que -dixo- é evidente que algo está pasando, destacando o grave problema de mobilidade que ten a capital de Galicia e o abandono do Casco Histórico.”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)