AD

Actualidad

Borja Verea: “Se a alcaldesa quere a concesión da auga, que vote a favor e deixe as comedias”

today3 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu hoxe en rolda de prensa para responder ás declaracións realizadas nos últimos días pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, a quen definiu como “enfadadísima” tras o pleno no que non saíu adiante o modelo de concesión do contrato da auga.

“Leva tres días de rolda en rolda, de canutazo en canutazo, dicindo auténticas barbaridades. Está enfadadísima porque non saíu adiante unha concesión que ela mesma votou en contra. É insólito”, afirmou.

Verea lembrou que no pleno quedou clara a posición do Partido Popular, que optou por unha “abstención elegantísima e facilitadora” ante a falta de acordo entre os propios socios de goberno. “O que había antes da nosa abstención era unha bronca entre tres partidos, un tripartito completamente roto que era a maioría de gobernabilidade en 2023. E agora pretenden responsabilizarnos a nós da súa incapacidade para poñerse de acordo”, sinalou.

O líder popular insistiu en que a cuestión é moi sinxela: “Se a alcaldesa quere un modelo de concesión, que vote a favor do modelo de concesión. Ten que estar dándonos as grazas pola abstención. En 24 horas poderíase estar traballando nos pregos do futuro contrato da auga”.

Borja Verea recordou que durante tres anos o BNG defendeu que o modelo de concesión era negativo para Santiago, apostando pola sociedade mixta ou pola municipalización. “Levan tres anos dicindo que a concesión é mala para a cidade, que non cren nela. E agora resulta que está enfadadísima porque non sae adiante algo que ela mesma di que non quere. A pregunta que se están facendo todos os composteláns é clara: por que está tan enfadada?”.

Segundo o líder popular, “o que quería era que lle solucionáramos o problema sen mollarse ela. Votar en contra para non ter que dar a cara diante dos seus socios de Compostela Aberta e que fose o Partido Popular quen lle sacase adiante a concesión. Iso é unha actitude de cobardía política”.

Verea foi máis alá e advertiu: “Moito me temo que a realidade é que a alcaldesa si está a favor da concesión, pero non o pode dicir porque tería que dar moitas explicacións aos seus socios de Compostela Aberta. Se é así, que sexa valente e vote a favor da concesión. E se non quere concesión, que non se enfade tanto e que traballe para conseguir os votos da alternativa que defenda”.

Durante a súa intervención, o líder popular tamén fixo referencia ás declaracións realizadas no pleno por un membro do goberno de Compostela Aberta, que afirmou textualmente que a actual concesionaria estaría imputando un 20% de gastos inexistentes e preguntou onde están eses cartos. “Se iso é certo, este goberno terá que explicar por que está pagando un 20% de gastos inexistentes. E se non o é, terá que explicar por que lanza acusacións tan graves”, advertiu.

Borja Verea asegurou ademais que “é evidente que Goretti Sanmartín non lidera a cidade, que non lidera o pacto co PSOE e que tampouco lidera o seu propio goberno”. “O que estamos vendo estes días é unha sobreactuación permanente para tapar a súa falta de liderado”, sinalou.

“Non imos participar neste circo nin imos permitir que se siga mareando aos cidadáns. Menos comedias e máis responsabilidade. Se quere concesión, que vote a favor. E se non a quere, que traballe para conseguir os apoios necesarios. O que non se pode é tomar por tontos aos composteláns”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *