Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 diciembre, 2025
Aitor Bouza sinala a falta de avances reais para resolver os problemas de mobilidade no entorno do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e alerta de que pacientes, familiares e profesionais seguen soportando a diario unha situación de colapso sen alternativas nin solucións a curto prazo
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025. O deputado socialista no Parlamento galego e secretario xeral do PSdeG-PSOE de Santiago, Aitor Bouza, advertiu este luns de que o peche de 2025 evidencia que a Xunta de Galicia non ofrecerá a curto prazo unha solución ao problema do aparcamento no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).
“Rematamos este ano 2025 coa evidencia de que a Xunta de Galicia recoñece, cos pasos que está dando, que no ano 2026 non veremos nin a obra nin a solución que realmente precisa a cidadanía de Santiago de Compostela para este caos absoluto”, afirmou Bouza.
Segundo explicou, a situación no entorno do hospital afecta de maneira diaria a “traballadores e traballadoras, ás familias que teñen que acudir ao CHUS e a toda a veciñanza”, sen que se estean dando respostas acordes ás demandas formuladas desde hai anos.
“A Xunta volve facer o mesmo que sempre con esta cidade: castigar a Santiago con máis burocracia, máis trámites e máis informes, pero con cero solucións inmediatas”, denunciou.
Bouza insistiu en que o PSdeG reclama un aparcamento “en condicións, con cabida para a veciñanza, os usuarios e os propios traballadores”, pero subliñou que, mentres esa infraestrutura non se execute, é imprescindible actuar de maneira inmediata. “O que esiximos é que se poñan medidas provisionais enriba da mesa para desatascar ese absoluto colapso que hai”, remarcou.
O dirixente socialista cualificou a situación de “absolutamente negativa” e lembrou que o Partido Popular votou en contra dunha emenda para dotar o aparcamento do CHUS dun orzamento específico. “Borja Verea, presidente do PP en Santiago de Compostela, votou en contra dunha proposta que buscaba avanzar canto antes nunha solución real”, sinalou.
Así mesmo, Bouza reclamou á Xunta que cumpra cos compromisos adquiridos. “Esiximos á Xunta de Galicia que se axilicen os trámites para que se poidan ver canto antes cumpridas as promesas que fixo o señor Rueda”, afirmou.
Finalmente, apelou tamén ao Goberno de Goretti Sanmartín para que incremente a presión política sobre o Executivo autonómico. “Que o goberno municipal tamén faga o seu traballo e esixa con contundencia á Xunta de Galicia que deixe de mirar para outro lado cando tantas persoas precisan que se poña unha solución”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)