Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 mayo, 2024
10 de maio de 2024.- O Concello de Brión vén de conseguir unha importante mellora na seguridade viaria do alumnado do IES Brión e o CEIP de Pedrouzos coa instalación de sendas sinais luminosas nun paso de peóns emprazado en Lamiño, concretamente na unión do ramal de saída da AG-56 Santiago-Brión coa estrada autonómica AC-541, a carón da rotonda. Un camiño moi utilizado pola veciñanza que acude ao Paseo do Rego Pego, ao parque canino e, sobre todo, polo alumnado que vive a menos de 2 quilómetros do instituto ou do colexio e que se desprazan camiñando aos centros educativos ao non ter dereito a transporte escolar.
O alcalde, Pablo Lago, explica que “tras varias chamadas, informes e escritos presentados polo Concello de Brión diante da Xunta de Galicia, finalmente vemos realizada unha mellora moi importante para a seguridade peonil dos nosos veciños e veciñas, especialmente dos moitos rapaces e rapazas que utilizan este camiño a diario para ir ao IES Brión ou ao CEIP de Pedrouzos”. Neste sentido, Lago Sanmartín agradece á Axencia Galega de Infraestruturas que procedera, primeiro, ao repintado das marcas viarias na zona e que esta semana rematara a actuación instalando dúas sinais luminosas de paso de peóns, para mellorar a visibilidade dos camiñantes por parte dos numerosos condutores que utilizan esta estrada, pois é a conexión de acceso e saída da autovía Santiago-Brión. “Unha situación que era especialmente preocupante tanto nas primeiras como nas últimas horas do día, polo que celebramos a medida adoptada pola Xunta”, puntualiza o alcalde brionés.
Meses de negociacións
O Concello de Brión dá así cumprimento a varias peticións presentadas tanto por particulares como pola Asociación de Nais e Pais do IES Brión, que en outubro de 2023 xa advertira dos problemas de seguridade en dous puntos do traxecto do alumnado cara o centro educativo. O Concello de Brión solucionou o primeiro deles, reparando o alumeado público á saída da Urbanización Hortensia e instalando tamén puntos de luz próximos ao paso de peóns, xa que non ten competencias para actuar sobre unha vía que é de titularidade autonómica.
A maiores, o Concello enviou de inmediato un Oficio da Alcaldía á Xunta de Galicia na que poñía no seu coñecemento a problemática e solicitaba a realización das melloras oportunas por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, dentro das súas competencias e posibilidades. Un oficio que foi reforzado posteriormente con distintas chamadas e mesmo co envío dun informe por parte do Departamento de Urbanismo Municipal.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)