Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 noviembre, 2025
Pablo Lago destaca que este proxecto suporá “unha das maiores inversións da historia do noso concello e permitirá a mellora e modernización integral do alumeado público municipal”
O alcalde confirma que “a obra xa está adxudicada e ten un prazo de execución de 8 meses, polo que os traballos comezarán en breve” e “permitirán un aforro anual de máis de 132.000 euros”
28 de novembro de 2025. O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e secretario de Estado de Enerxía e presidente do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), Joan Groizard Payeras, asinaron onte en Madrid o convenio polo que o Concello de Brión recibirá unha axuda de 2.770.900 euros para substituír o 90% do seu alumeado público con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética. Un proxecto aprobado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) na convocatoria do programa de axuda para proxectos singulares para a renovación de instalacións de alumeado exterior municipal.
“Hoxe é un día moi importante para min e para Brión”, apunta Pablo Lago, xa que este proxecto suporá “unha das maiores inversión da historia do noso concello e permitirá a mellora e modernización integral do alumeado público municipal”. Neste proxecto están incluídos un total de 3.145 puntos de luz, cunha potencia media instalada de 110,72 vatios e con 4.200 horas anuais de funcionamento. Uns equipos que serán substituídos por luminarias LED que, xunto coa revisión de 118 centros de mando e a instalación de 30 reloxos astronómicos, 20 reloxos mecánicos de patillas e 94 fotocélulas, permitirán un aforro enerxético superior ao 62%. “Isto permitiranos ofrecer un mellor servizo ao tempo que reducimos o consumo eléctrico e coidamos do noso medio ambiente, xa que nos permitirá aforrar máis de 132.000 euros anuais na factura eléctrica”, confirma Lago Sanmartín.
Ademais, o alcalde brionés adianta que “a Xunta de Goberno Local xa adxudicou a obra á empresa ACEINSA Movilidad SA, cun prazo de execución de 8 meses, polo que os traballos comezarán en breve. Grazas a esta histórica actuación, Brión dará un salto cara un concello máis sostible e eficiente cun mellor funcionamento do sistema, menos emisións, máis eficiencia enerxética e mellor servizo para os veciños e veciñas”.
Aforro enerxético
Na actualidade, Brión conta cunha potencia instalada de 348.229,5 vatios, cun consumo de enerxía de 1.462.563,9 kW/h e un custe de 212.364,28 euros anuais. Unha vez executado este proxecto, a potencia instalada reducirase a 175.087,5 vatios, o consumo de enerxía baixará a 551.525,63 kW/h e o custe da factura eléctrica para o Concello descenderá ata os 80.081,52 euros, é dicir, un aforro de máis de 132.000 euros cada ano.
Este aforro xurde tanto pola redución da potencia das lámpadas LED fronte ás actuais de descarga, como por unha mellor xestión do fluxo lumínico: tanto pola súa redución durante a noite como pola correcta utilización das ópticas, que dirixen a luz aló onde é precisa e evitan a contaminación lumínica. Así, os equipos actuais emiten un 15% do fluxo total ao hemisferio superior, mentres que coa nova tecnoloxía este valor será inferior ao 5%. Por todo isto, a certificación enerxética de todo o alumeado público brionés pasará a ser A.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)