Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 septiembre, 2025
17 de setembro de 2025.- O Concello de Brión vén de presentar a programación dunha nova edición da Romaría de Santa Minia, tres días de festa que terán lugar do venres 27 ao domingo 29 de setembro. Unha programación onde a música volverá ser un dos seus principais atractivos, coa participación de catro das mellores orquestras de Galicia (Panorama, Finisterre, Unión y Fuerza e Marbella) e un novo domingo folk con Budiño e a súa xira “Branca Vela”, que se unirán aos tradicionais atractivos desta festa: misas, polbeiras, fogos de artificio, postos de venda ambulante…
Ao igual co ano pasado, a Carballeira de Santa Minia non acollerá ningunha actividade da programación e só se manterá aberta ao público a zona repoboada, tal e como está a día de hoxe. Así mesmo, manteranse novidades como o Punto Lila, que funcionará como punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión e tamén como punto de sensibilización e concienciación das persoas asistentes da necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia. Estará operativo os tres días na finca onde se desenvolverán os concertos, na contorna da carballeira e a carón da finca das polbeiras.
Un ano máis, a tradicional queima da fachada da Véspera (26 de setembro) será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio.
Os tradicionais postos de venda instalaranse na avenida de Santa Minia a partir da tarde do venres 26 de setembro. A previsión é que este ano se instalen máis dun cento de postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… A maiores estarán as polbeiras estarán instaladas a carón da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos.
Homenaxe a Vizoso
O cartel desta edición será unha merecida homenaxe a Xosé Vizoso (Mondoñedo 1950-Brión 2025) quen fora o artista encargado de ilustrar a Romaría de Santa Minia dende o ano 2010. O Concello de Brión, coa aprobación da familia do artista finado o pasado xaneiro, recuperou unha ilustración creada para unha tarxeta de Nadal de 2006, cunha imaxe potente e festiva moi semellante a outras publicadas por Vizoso para a romaría.
Deste xeito, o Concello de Brion desexa pechar esta etapa publicando un derradeiro cartel asinado por Xosé Vizoso, como homenaxe ao inesquecible artista polifacético. Ademais, ata o 30 de setembro permanecerá no centro social polivalente a exposición “Xosé Vizoso, o neno que debuxou un cabalo”, que recolle algún dos seus mellores carteis, tanto de Santa Minia como doutras moitas festas galegas.
Pases de acceso
O Concello de Brión expedirá, ata o martes 23 de setembro, os correspondentes pases de acceso para que a veciñanza que reside na avenida de Santa Minia poidan acceder aos seus domicilios durante os tres días da Romaría de Santa Minia, momento no que os accesos estarán restrinxidos ao público en xeral. As solicitudes poden presentarse nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica municipal.
Poderán acceder a estes permisos de tres días aquelas persoas residentes nas rúas Gondar e Moutello, avenida de Santa Minia (do número 15 ao 116) e Lamiño (dende a avenida de Santa Minia ata a estrada de Lamiño).
Programación
A Romaría de Santa Minia abrirá as súas portas o venres 26 de setembro, día de Véspera, coa primeira das tres sesións do VIII Festival Monecadas, que terán lugar na praza do concello os tres días ás seis da tarde, salvo a actuación de Títeres Alakrán, que será ás 12:00 horas no propio día de Santa Minia. Unha edición especialmente variada, con participantes de Francia, Asturias, Andalucía e Galicia. Os grupos participantes son “El Buho Teatro”, co espectáculo “La Granja” (venres 26); Títeres Alakrán con “O xigante Barriga Verde” e Grupo de Teatro “Los Pintores” con “Los pintores” (sábado 27) e Compañía Pelele con “La muerte de don Cristóbal” (domingo 28).
Tras os monicreques, a praza do Concello acollerá a tradicional actuación das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión (19:00 horas). Unha hora despois, pasarrúas da Charanga Os Celtas que dará paso ás 22:00 horas ao concerto das orquestras Unión y Fuerza e Marbella, con parada á medianoite para o espectáculo de luz e son e a tirada de fogos de artificio.
O sábado 27 de setembro (Día de Santa Minia) comezará ás 10:00 horas coa música do grupo de gaitas “Devagarinho”, seguido dun pasarrúas coa Charanga Os Celtas. A sesión vermú correrá a cargo da artista local Ruth Cundíns. Para a tarde, novo pasarrúas da charanga Os Celtas de Negreira (16:00 horas) e do grupo de gaitas “Airiños do Petouto”. A verbena arrincará ás 22:00 horas coa orquestra Finisterre e Disco Móbil Impacto.
Finalmente, o domingo 28 de setembro amencerá co pasarrúas do grupo de música tradicional “@s Garuleir@s” e da charanga BB+, que se encargará tamén da sesión vermú. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional “Tíralle do aire”, previo ao concerto de Budiño, ás 20:00 horas, dentro da súa xira “Branca vela” e subvencionada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña. A orquestra Panorama porá o broche de ouro aos festexos.
No que atinxe aos actos relixiosos, hoxe mércores 17 de setembro comeza a Novena de Santa Minia, con misas ás 10:00 e ás 20:00 horas todos os días ata o 25 de setembro. O venres 26 (Véspera) haberá misas tanto de mañá (10:00 e 12:00 horas) como de tarde (18:00, 19:00 e 20:00 horas). O Día de Santa Minia celebrará a misa solemne ás 13:00 horas. Os demais oficios serán tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas). O domingo 28, misas ás 10:00, 11:00, 18:00 e 19:00 horas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)