Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 noviembre, 2025
Esta edición conta coa colaboración especial do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia que, a través dos seus colexiados e de empresas tecnolóxicas, doarán ordenadores, tabletas ou móbiles novos
A entidade atendeu en 2024 a 179 familias, cun total de 346 menores que recibiron os seus agasallos novos
O director Carlos Juíz explicou que se tratará de atender a todas as persoas que o precisen, xa que “os nenos e nenas son fundamentais e non deben padecer ningunha separación social”
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025 (Vía Láctea Comunicación).- Cáritas Interparroquial de Santiago presentou hoxe a súa campaña solidaria ‘Agasallos de Nadal 2025’. O acto, que se celebrou na súa sede da rúa Hospitaliño, contou coa asistencia de Carlos Juíz, director de Cáritas Interparroquial de Santiago; Noelia del Río, responsable do programa ‘Ventureiros’ –enmarcado no programa ‘Cativos’ de Cáritas Interparroquial de Santiago–; e Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), entidade que será colaboradora especial nesta edición.
Un ano máis, Cáritas Interparroquial de Santiago pon en marcha a campaña para entregar ás familias que o precisen agasallos de Reis para os menores da casa de ata 17 anos. Carlos Juíz sinalou que é unha das iniciativas que máis ilusión lle fai á organización, que ten como obxecto “tratar de atender a todas as persoas que o precisen, xa que os nenos e nenas son fundamentais e non deben padecer ningunha separación social”. Destacou que cada neno pedirá na súa carta aos Reis Magos os tres xoguetes que lle fai máis ilusión e recibirá como mínimo un dos agasallos.
Na campaña de 2024, Cáritas Interparroquial de Santiago atendeu a 179 familias e, en concreto, a 346 nenos, nenas e adolescentes que recibiron dous agasallos por neno sumando máis de 700 xoguetes novos. Carlos Juíz apuntou que este ano prevese que aumenten as cifras. De maneira xeral, explicou que a atención primaria de Cáritas incrementouse este ano nun 35-40 % para temas de alimentación, vestido e vivenda, unha atención facilitada grazas aos máis de 200 voluntarios que colaboran, a maioría mulleres novas. Facendo referencia ao informe FOESSA de Cáritas, Juíz apuntou á clara fragmentación social deste momento, con máis familias vulnerables.
Noelia del Río engadiu que o programa ‘Ventureiros’ ten como voluntarios a adolescentes de entre 15 e 17 anos e son eles, acompañados por voluntarios maiores de idade, os que recollen, agrupan e clasifican os agasallos nun local de Costa Vella antes da súa entrega ás familias. Na campaña de Nadal de 2024 participaron 13 voluntarios maiores de idade (monitores) e 30 voluntarios adolescentes (ventureiros).
As familias interesadas en participar na campaña poden solicitar información no programa ‘Cativos’, na sede da entidade ou chamando ao teléfono 981 55 21 40. As familias que se inscriban terán que entregar a carta coa petición dos agasallos dos pequenos no departamento ‘Cativos’ antes do venres 12 de decembro.
A campaña conta coa colaboración das seguintes empresas e asociacións colaboradoras que serán punto de entrega dos agasallos novos doados pola cidadanía: El Corte Inglés, Multiusos do Sar, Sección Musical Vera Cruz, Residencia A Raiola, Colexio de educación especial A Barcia, Parroquia de Salomé e a Escuela Europea Parasanitaria (ESPS).
A recollida dos agasallos realizarase o 21 de decembro. E para a entrega, a organización concertará unha cita previa coas familias os días 2, 3 e 4 de xaneiro. Encargaranse da entrega os integrantes e voluntarios dos programas ‘Ventureiros’ e ‘Cativos’.
A pesar desta gran colaboración, a organización fai un chamamento ás empresas da cidade para que colaboren coa iniciativa e tamén a persoas particulares que queiran facer a súa doazón. Particularmente, Juíz indicou que este ano estase barallando a colaboración de ABANCA, e tamén destacou a colaboración do alumnado da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago.
Fernando Suárez: “A implicación do sector tecnolóxico servirá para potenciar a aprendizaxe e a integración social dos cativos”
Fernando Suárez manifestou que é un pracer para o CPEIG e para el mesmo colaborar na campaña, ao igual que xa se fixo anteriormente na etapa da Covid-19 cando o Colexio doou a Cáritas Interparroquial de Santiago unha porcentaxe da recadación do seu principal evento da NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia.
Con motivo das vindeiras festas do Nadal, Suárez sinalou que o Colexio pon en marcha a campaña «Dona tecnoloxía, comparte futuro», mediante a que se recollerán equipos informáticos novos (ordenadores portátiles ou de sobremesa, tabletas, teléfonos móbiles ou outros dispositivos similares) que serán entregados a Cáritas para a súa distribución entre as familias que máis o necesiten. “O noso propósito é que ningún menor quede excluído da contorna dixital por falta de recursos, e que estas datas tan sinaladas sirvan tamén para fomentar a solidariedade e o compromiso social dentro do sector tecnolóxico galego” –indicou Fernando Suárez–.
Nesta nova acción, o CPEIG invitou as súas colexiadas e colexiados e ás empresas tecnolóxicos que colaboran habitualmente co Colexio a participar nesta especial iniciativa solidaria. “A implicación do sector tecnolóxico servirá para potenciar a aprendizaxe e a integración social dos cativos” –afirmou–.
As doazóns, tanto a título empresarial como individual, poderán realizarse ou enviarse directamente á sede do CPEIG (rúa de Fernando III O Santo, 13-1º A, 15701, Santiago). Os equipos recibidos serán xestionados polo CPEIG e entregados a Cáritas para a súa distribución antes das festas do Nadal.
Suárez agradeceu de antemán aos compañeiros do sector “pola súa atención, sensibilidade e colaboración nesta iniciativa que une tecnoloxía, compromiso e solidariedade coa finalidade de contribuír a que máis nenas e nenos teñan acceso ás ferramentas dixitais que hoxe son clave para a súa aprendizaxe e desenvolvemento persoal”.
Tamén apuntou que unha das principais liñas do CPEIG é a mellora tecnolóxica da sociedade, cun importante labor social cos máis pequenos, as persoas maiores e a contorna rural. “A tecnoloxía abarca todos os ámbitos da vida e actualmente existe unha importante brecha tecnolóxica e, polo tanto, social. Senón integramos aos nenos e nenas neste avance tecnolóxico, non estaremos creando unha sociedade igualitaria” –asegurou–.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)