AD

Actualidad

Carlos Núñez pechará o Festival Folk na Beira do Sar coa súa xira ‘Lugares Máxicos’

today24 junio, 2025

Fondo
share close
AD

O gaiteiro galego regresa a Compostela o domingo 6 de xullo cun concerto na Praza da Colexiata

Carlos Núñez volve a Santiago e faino para poñer o broche de ouro ao Festival Folk na Beira do Sar, unha cita que combinará música tradicional, cultura popular e gastronomía durante tres días, do venres 4 ao domingo 6 de xullo. O recoñecido gaiteiro actuará na Praza da Colexiata, a partir das 20:30 horas do domingo, dentro da súa xira Lugares Máxicos 2025, que xa o trouxo a este mesmo enclave compostelán en edicións anteriores.

O concerto promete ser un dos pratos fortes do festival, que busca consolidarse como referente da música folk e da cultura galega na capital. As entradas para o concerto xa están dispoñibles en carlosnunezentradas.com.

Un programa para todos os públicos

O Festival Folk na Beira do Sar está organizado pola Agrupación Folclórica Colexiata do Sar e desenvolverase nos espazos do Claustro, a Horta e a Praza da Colexiata. A programación inclúe exposicións, roteiros, obradoiros, pasarrúas, concertos e actividades infantís, cun ambiente familiar e aberto á participación veciñal.

O venres 4, abrirase a programación cultural coa inauguración dunha exposición fotográfica e a presentación do libro Off On, seguida dun concerto do Trío Slimak. O sábado 5 será a xornada máis completa, con actividades desde a mañá: roteiro polas Brañas do Sar, obradoiros de agricultura e corte de xamón, sesión vermú con Alvariza, e un festival de música e baile tradicional coas agrupacións locais. A noite estará animada polos concertos de Paracetafolk e Ker-Cuez.

O domingo 6, os pasarrúas dos Cabezudos volverán a encher de cor a Horta da Colexiata antes do gran peche do festival co concerto de Carlos Núñez, un artista que converte cada actuación nun encontro entre tradición e emoción.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *