AD

Actualidad

Celtas Cortos, Fillas de Cassandra e La Misión, nas Festas da Pascua de Padrón

today12 marzo, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • A figura do mestre e incansable colaborador na organización da Pascua destaca na ilustración deseñada por Alfonso Blanco
  • O alcalde Anxo Arca resalta que “a xenerosidade de Casasnovas, a súa humildade e o seu espírito altruísta son un exemplo a seguir”
  • “Presentamos unha programación diversa, para todas as idades, libre de violencia e que pon en valor a música galega”, di a concelleira Chus Campos
  • O alcalde de Vigo, Abel Caballero, será o pregoeiro dunhas festas nas que actuarán La Misión, Fillas de Cassandra, Celtas Cortos, os grupos folclóricos locais e as mellores orquestras galegas

PROGRAMACIÓN COMPLETA

Padrón. 12-3-2024.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, presentou esta mañá o cartel das Festas de Pascua 2024, que se celebran do 23 de marzo ata o 7 de abril e nas que o Concello lle rende unha homenaxe a Ramón Casasnovas, mestre no municipio durante catro décadas e unha persoa que durante moitos anos se involucrou e colaborou activamente na organización destas festas. Anxo Arca e a concelleira Chus Campos deron a coñecer unha programación diversa, para todos os públicos, libre de violencia e que aposta pola música galega.

“A contribución de Ramón Tomás Vázquez Casasnovas á vida de Padrón foi incalculable”, asegurou Anxo Arca, lembrando que como profesor durante máis de catro décadas e colaborador na organización das festas de Pascua “Casasnovas deixou unha pegada indeleble. A súa xenerosidade, humildade, o seu espírito altruísta foron, e sempre serán, un exemplo a seguir”, afirmou o alcalde.

A figura de Casasnovas ten un papel predominante no cartel promocional das Festas de Pascua 2024, deseñado polo artista padronés Alfonso Blanco. “Casasnovas foi profesor meu de Matemáticas, de Naturais e de Debuxo no colexio Rosalía de Castro. No cartel quixen facelo partícipe de toda a festa, e aparece como un transeúnte máis que visita o pobo, rodeado de personaxes que marcaron a miña infancia e a miña vida na Pascua”, indica. Na ilustración tamén aparece a xigante, “que sempre a levaba o meu amigo Tanis, falecido hai dous anos, e os cabaliños de Evilasio, de Michel, que nos deixou hai poucos días”, engade Alfonso Blanco, que lle agradece ao Concello de Padrón ser parte da Pascua 2024.

A Feira Cabalar e a de maquinaria agrícola e industrial (31 de marzo) mantéñense como dous dos atractivos da Pascua de Padrón, que este ano conta cunha “programación diversa, con espectáculos para público de todas as idades, libre de violencia e na que apostamos pola música galega”, explicou a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos. A concelleira resalta que, nesta edición, tamén mudan algúns dos escenarios das orquestras, “para achegar as festas a toda a veciñanza”, sinala.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero pronunciará na praza de Macías o pregón co que se iniciará o sábado 30 a semana grande da Pascua 2024. Esta xornada rematará cos concertos da orquestra madrileña La Misión e da padronesa Unión y Fuerza. A actuación de Fillas de Cassandra será o prato forte do domingo 31, día no que tamén actuarán as orquestras Capitol e Miramar. O luns amenizarán as verbenas o Dúo Master, París de Noia e América, e o martes 2 será a quenda da orquestra Los Satélites. A boa música volverá a fin de semana de Pascuilla, coas actuacións de Los Player’s e New York (venres 5) e os concertos de Celtas Cortos e a orquestra Olympus o sábado 6 (coa sesión de fogos artificiais a medianoite entre ambos os dous). As orquestras Atenas e Marbella pecharán as festas o domingo día 7.

Os amantes da música disco poderán gozar coas actuacións do Dj Espiño (30 de marzo, antes do pregón) e cos espectáculos dos picadiscos programados por Openair os días 5 e 6 de abril.

Como xa é tradicional, os grupos folclóricos teñen un papel importante da Pascua. Este ano actuarán San Pedro de Carcacía, Rosalía de Castro, A Foliada do Montiño, Arreixeira e O Pedrón, ao igual que os xigantes e cabezudos, a Banda Municipal de Música de Padrón e as de Santiago e Rianxo nos días da Pascua dedicados a Santiago e Rianxo. O Festival de Bandas Capital do Sar contará coa participación da banda local e coas de Touro e Caldas o 7 de abril.

As artes escénicas, coa ópera electrónica Papagena (martes 26), e os deportes tampouco faltan nas Festas de Pascua. O Raid Cabalar do sábado 23 de marzo marca o inicio do programa este ano, que tamén inclúe os campionatos galegos de xadrez, os torneos de fútbol base e de tenis Concello de Padrón, o VI Torneo CD Sar Extramundi e a velada de boxeo, o venres 29. A Carreira pedestre de Pascua (sábado 30) e o torneo de chave completan a oferta deportiva.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%