Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 febrero, 2026
O espazo Hai Debate, emitido o pasado luns en Radio Líder Santiago, centrouse na análise dos principais asuntos abordados no último Pleno municipal de Santiago de Compostela, cun intenso debate político entre os grupos con representación no Concello.
No programa participaron Marta Abal, en representación do PSdeG-PSOE; Nerea Barcia, polo Partido Popular; e Iago Lestegás, polo BNG. Compostela Aberta non puido asistir ao debate por motivos de axenda, segundo se explicou ao inicio do espazo.
Un dos temas centrais foi a situación dos centros socioculturais, onde a oposición coincidiu en mostrar a súa preocupación polos atrasos no pagamento das nóminas ao persoal. Marta Abal advertiu de que “hai traballadores que non cobran desde outubro” e criticou a falta de empatía do goberno local, ademais de alertar sobre o novo modelo de xestión, que “reduce en máis de 1.800 horas anuais a animación sociocultural”.
Na mesma liña, Nerea Barcia cualificou a situación de “desleixo absoluto” e asegurou que “o goberno está xogando coa cidadanía, aprobando iniciativas que logo non executa”, incidindo tamén no mal estado das vías públicas e das instalacións municipais.
Outro dos eixos do debate foi a humanización do Ensanche, especialmente en rúas como Santiago de Chile. Iago Lestegás defendeu que o Concello está a desenvolver unha estratexia planificada e participativa, explicando que “as grandes transformacións urbanas non se poden improvisar e requiren pensar a medio e longo prazo”. O edil do BNG subliñou que xa existen anteproxectos e procesos abertos de participación veciñal para definir o modelo urbano.
Desde a oposición, tanto PSOE como PP cuestionaron os prazos e reclamaron actuacións máis inmediatas tamén nos barrios e no rural. “Imos tarde nesta planificación”, sinalou Marta Abal, mentres Barcia criticou que “non se pode falar de grandes proxectos cando non se resolve o día a día”.
A instalación de novos radares foi outro dos puntos máis polémicos. Lestegás defendeu esta medida como unha ferramenta necesaria para mellorar a seguridade viaria, asegurando que “os radares serven para salvar vidas”. Pola súa banda, a oposición reclamou informes técnicos previos e puxo en dúbida que se trate dunha medida puramente preventiva. “Isto é máis afán de cadrar contas que de seguridade viaria”, afirmou Barcia.
O debate pechouse coa análise dos datos turísticos de decembro publicados polo INE, que reflicten que A Coruña superou a Santiago en chegada de turistas ese mes. Iago Lestegás apostou por un modelo baseado en “maximizar os beneficios do turismo e minimizar os impactos negativos”, mentres Marta Abal advertiu dun “certo estancamento” e reclamou melloras na conectividade e no transporte público. Desde o PP, Nerea Barcia asegurou que “os datos demostran que os deberes non se están facendo”.
Escrito por Líder Redacción
centros socioculturais hai debate pleno ordinario politica radares Santiago de Compostela sorpasso turismo


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)