AD

Destacado

Chega a Santiago o desfile do martes de Entroido con 16.000 euros en premios

today16 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

Carrozas, comparsas e charangas concentraranse dende as catro e media da tarde do martes na avenida de Ferrol, para comezar unha hora máis tarde o desfile de Entroido.

Unha vez rematado o percorrido, as persoas participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20.00 horas terá lugar a actuación da charanga Ardores, e, posteriormente, ás 21.00 horas, a entrega dos premios, das mans da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Festas, Pilar Lueiro; e outros membros da Corporación municipal.

Entre as novidades deste ano, destaca a suba da contía dos premios, que pasan de 14.000 a 16.000 euros en total. O maior incremento dáse nas comparsas, que por primeira vez equiparan os primeiros premios das de Santiago ás que veñen chegadas doutros lugares. O premio á mellor comparsa é de 1.600 euros; 1.300 para o segundo premio e 1.000 o terceiro. Créase tamén un cuarto premio dotado con 700 euros.

No tocante ás carrozas, haberá tres premios, dotados con 2.000, 1.500 e 1.000 euros respectivamente.

Os mellores disfraces premiaranse en tres categorías: grupo, individual e parella. Os tres mellores de grupo recibirán 700, 400 e 200 euros, mentres que os premios na categoría individual serán de 300, 200 e 100 euros. O mellor disfrace de parella recibirá 300 euros.

Tamén é nova este ano a creación dunha categoría para recoñecer os disfraces dos centros de ensino, con dous premios: un primeiro de 500 euros e un segundo de 300.

Os criterios de valoración do concurso serán apreciados por un xurado e terán en conta deseño, composición, colorido, investigación, orixinalidade e imaxinación, posta en escena, coreografía e harmonía.

No desfile-concurso deste martes inscribíronse 7 candidaturas para a categoría de carrozas, 15 na de comparsas, 5 para disfraces de grupo, 3 disfraces de parella e 3 individuais.

O mércores 18 será o momento de despedir o Entroido coa tradicional queima do Meco ás 21.00 horas na praza Roxa. Alí será levado pola comitiva fúnebre que sairá ás 20.00 horas do Toural, formada pola Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño e a Charanga BB+. Tamén o mércores, haberá bailes de Entroido de Muros, Noia e Costa da Morte, a cargo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos. Será ás 18.00 horas en Cervantes e ás 18.45 horas en Praterías.

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 21 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda esa xornada.

Modificacións no tráfico

Con motivo da celebración do desfile do Entroido haberá modificacións no tráfico. O martes 17 de febreiro queda prohibido o estacionamento de vehículos nas rúas polas que se desenvolverá o devandito desfile entre as 14.00 horas e o remate.

Así mesmo, produciranse cortes intermitentes de tráfico nas mesmas rúas, polo que se recomenda, na medida do posible, evitar circular pola zona do Ensanche na tarde deste martes de Entroido e seguir as indicacións da Policía Local e dos paneis informativos de tráfico.

A concentración das carrozas comezará a partir das 15.00 horas na avenida de Ferrol. O desfile comezará ás 17.30 horas e continuará polas seguintes rúas: avenida de Ferrol, rúa Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I.

Recoméndase aos condutores e condutoras que eviten a avenida de Ferrol e a rúa Romero Donallo, pois estarán cortadas ao tráfico ata a saída das carrozas e comparsas. Os vehículos que se despracen en dirección norte-sur poden evitar o centro da cidade circulando pola avenida de Lugo (SC-20) e interior do túnel do Hórreo.

Transporte urbano

Con motivo dos cortes intermitentes nas diferentes rúas polas que pasará o desfile, as liñas de transporte urbano terán restricións temporais na circulación. Os autobuses agardarán o paso do desfile, seguindo en todo caso as indicacións da Policía Local.

*A avenida de Ferrol estará cortada ao tráfico desde as 15:00 ata as 17:30, ao realizarse alí a concentración das carrozas. Nese horario, a liña 5 non realizará as paradas da avda. de Ferrol, desviándose desde a rotonda de Conxo ata a rotonda de Galuresa, Romero Donallo, e retomando o traxecto na primeira parada da rúa República Arxentina. A partir das 18:00, os buses voltarán a circular pola avda. de Ferrol, se ben poden ter que agardar o paso do desfile na zona do Ensanche.

*As liñas de transporte urbano que circulan polo percorrido sufrirán durante o paso das carrozas pequenas alteracións e retrasos aproximadamente desde as 17:00 ata a finalización do desfile. Poden consultar o estado do servizo no teléfono de información do transporte urbano, 981581815.

Nos momentos de corte, as liñas desviadas circularán pola rúa do Hórreo (zona estación Intermodal). As liñas circulando en sentido Norte – Sur serán desviadas por Castrón Douro ao Hórreo e Romero Donallo.

*Igualmente, a parada de referencia no centro da cidade para o servizo da liña 6A con destino Aeroporto será a 691 (rúa do Hórreo, estación Intermodal), tendo que desviarse pola avda. de Lugo mentres dure o paso do desfile, sen realizar as paradas polo centro da cidade.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *