Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today3 marzo, 2025
Mañá, martes 4 a partir das 17.30 horas, Compostela acollerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol e continuará polas seguintes rúas: avenida de Ferrol, rúa Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Ademais dos premios oficiais, que serán entregados na cerimonia posterior na sala Capitol, farase sorteo con gratificacións simbólicas entre as persoas e colectivos participantes.
Ao remate do desfile, as persoas participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación da charanga Ardores, e, posteriormente, a entrega dos premios das mans da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e de varios membros da Corporación municipal. Para as carrozas haberá tres premios de 2.500, 1.500 e 1.000 euros. No caso das comparsas, que estarán compostas por un mínimo de 15 persoas, entregaranse premios de 2.000, 1.500 e 1.000 euros. Na categoría de grupos, formados por entre 3 e 14 persoas, hai tamén tres premios, de 700, 400 e 200 euros.
Como xa se fixo o ano pasado, todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados na súa categoría, entrarán nun sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica polos seguintes importes: 50 euros (individual), 100 euros (parella), 150 euros (grupo), 200 euros (comparsas) e 200 euros (carrozas). Para poder recibir este premio simbólico será imprescindible que as persoas e colectivos estean correctamente inscritos no desfile polas canles establecidas nas bases, e que, como mínimo, a metade dos compoñentes da formación sexan persoas empadroadas no Concello de Santiago.
O mércores 5, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional «comitiva fúnebre que levará o Meco dende a praza do Toural até a praza Roxa coa participación das comparsas que o levaron o propio sábado: os Conformistas, a Ruliña, os Armatroulas e a Charanga“BB+» para a súa incineración ás 21 horas. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.
A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 15 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda a xornada. O xoves 6, tamén haberá no Espazo Apego un obradoiro de chapeus de Xeneraliñas da Ulla e de atranque.
Modificacións no tráfico
Desde as 14.00 horas ata o remate, queda prohibido o estacionamento de vehículos nas rúas polas que pasa o desfile.
Así mesmo, produciranse cortes intermitentes de tráfico nas mesmas rúas, polo que se recomenda, na medida do posible, evitar circular pola zona do Ensanche na tarde deste martes de Entroido e seguir as indicacións da Policía Local e dos paneis informativos de tráfico.
Recoméndase aos condutores e condutoras que eviten a avenida de Ferrol e a rúa Romero Donallo, pois estarán cortadas ao tráfico ata a saída das carrozas e comparsas. Os vehículos que se despracen en dirección norte-sur poden evitar o centro da cidade circulando pola avenida de Lugo (SC-20) e interior do túnel do Hórreo.
Transporte urbano
Desde as 15.00 ata as 17.30 horas, as liñas 5, 12 e C4 non realizarán as paradas da avda. de Ferrol, e desviaranse desde a rotonda de Conxo ata a rotonda de Galuresa, Romero Donallo, para retomar o traxecto na primeira parada da rúa República Arxentina. A partir das 18.00, os buses voltarán a circular pola avda. de Ferrol, se ben poden ter que agardar o paso do desfile na zona do Ensanche.
Os autobuses agardarán o paso do desfile, seguindo en todo caso as indicacións da Policía Local. As liñas con circulación pola rúa da Senra e Ensanche desviaranse a través da avda. de Lugo – Hórreo (estación) – Romero Donallo, desde onde retomarán os seus itinerarios unha vez pase o desfile por esa zona.
Para o servizo ao aeroporto coa liña 6A, a parada de referencia no centro será na rúa do Hórreo (carril bus estación Intermodal), tendo que desviarse pola avda. de Lugo mentres dure o paso do desfile, sen realizar as paradas polo centro da cidade.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)