Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 noviembre, 2025
A iniciativa, activa ata mediados de decembro, busca recadar fondos para a tradicional Cea de Nadal do Paluso, que leva máis de tres décadas ofrecendo compañía e dignidade a persoas en situación de vulnerabilidade.
O colectivo compostelán Chichalovers e a Asociación Paluso impulsan este ano a campaña solidaria #UnPratoPorPaluso, unha proposta que pretende garantir que ninguén quede sen cea de Nadal na cidade. A iniciativa, que se desenvolverá durante novembro e ata mediados de decembro, convida á cidadanía a “poñer un prato na mesa do Paluso”, colaborando economicamente segundo as súas posibilidades.
Baixo o lema “Un prato teu, unha cea para todos”, a campaña ofrece diferentes opcións de doazón: dende 5 euros, equivalentes a un “entrante”, ata 50 euros, que inclúen “cea e baile”. As achegas poden realizarse a través do enlace dispoñible nas redes sociais de Chichalovers e da Asociación Paluso, mediante bizum ao 626 05 39 71 ou por transferencia bancaria ao número ES31 2080 0374 7530 4000 8063, indicando “UNPRATOPORPALUSO”.
As doazóns destinaranse integramente a financiar a Cea de Nadal do Paluso, un encontro que dende hai máis de 30 anos reúne a persoas en risco de exclusión nun ambiente de solidariedade, calor e fraternidade.
Desde a Asociación Paluso destacan que esta colaboración “é unha alegría, porque mantén viva unha tradición que vai máis alá dunha cea: é unha familia que se xunta cada Nadal para celebrar en compañía unhas datas tan significativas e que ninguén debería celebrar en soidade”.
Pola súa banda, o colectivo Chichalovers subliña o seu compromiso coa cidade e coas causas sociais: “Queremos usar a nosa voz e a nosa enerxía para algo que realmente sume. Este Nadal queremos que todas as mesas de Santiago teñan un prato posto, porque cada prato conta”.
A campaña convida tamén a compartir nas redes sociais fotos cun prato baleiro ou decorado, empregando o hashtag #UnPratoPorPaluso e etiquetando a @Chichalovers e @AsociacionPaluso, para dar visibilidade á causa e animar á participación cidadá.
A Asociación Paluso leva máis de tres décadas acompañando a persoas en situación de vulnerabilidade, ofrecendo apoio e compañía dende un espazo humano e digno. Pola súa banda, Chichalovers é un proxecto gastronómico e cultural que combina tradición e vangarda, implicado de forma activa en iniciativas sociais que buscan facer de Santiago unha cidade máis solidaria e humana.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)