Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 septiembre, 2025
A Cociña central de Ames, que dispón dunha superficie total de 888 metros cadrados, conta con dúas grandes áreas que son un módulo para centralizar o lavado da menaxe dos comedores e unha zona de cociña onde se prepara o menú basal da rede municipal de comedores
O alcalde, Blas García, destacou “hoxe é un día moi imporante xa que levamos moito tempo agardando para poder contar con esta Cociña central. Con este servizo vai comezar a cambiar o sistema de funcionamento dos servizos de conciliación do Concello de Ames, xa que de cara ao futuro queremos dar un novo paso e ampliar este servizo de cociña máis alá do curso escolar, por iso decidimos facer un investimento tan importante nesta nova infraestrutura”
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, explicou “hoxe fíxose unha primeira proba aproveitando o funcionamento do Setembro Lúdico e para o próximo luns, 8 de setembro, comezarase a cociñar na Cociña central con total normalidade. Comezamos unha nova etapa moi ilusionante para os traballadores e traballadoras desta Cociña central e para o persoal técnico, xa que sen o seu traballo este novo servizo non sería posible”
Ames, 5 de setembro de 2025.- A Cociña central dos comedores escolares de Ames xa é unha realidade. Este venres, 5 de setembro, o persoal municipal deste servizo elaborou a comida para 100 alumnos/as que participan no Setembro Lúdico. O obxectivo é ter a Cociña central funcionando a pleno rendemento o vindeiro luns, 8 de setembro, para o inicio do curso escolar. Preto de 1.400 alumnos/as empregarán o servizo da Rede municipal de comedores escolares durante o próximo curso escolar. Nas obras da cociña central e central de lavado, así como no arranxo do tellado da central de lavado e adquisición do túnel de lavado investíronse 642.951 euros.
O proxecto para centralizar todas as instalacións do servizo de comedores escolares de Ames na antiga nave de obras de Bertamiráns xa é unha realidade. Este venres, 5 de setembro, comezou a funcionar a Cociña central do Concello de Ames, un proxecto pioneiro que reforza a aposta do Concello de Ames por un dos seus servizos estrela como é a Rede municipal de comedores escolares, que están xestionados directamente polo propio Concello dende o ano 2005.
Durante a xornada deste venres o persoal da Cociña central elaborou a comida para 100 alumnos/as que participan no Setembro Lúdico. O obxectivo foi ver que todo funciona correctamente de cara ao inicio do curso escolar o vindeiro luns 8 de setembro. Para ver a posta en marcha deste novo servizo municipal, esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, realizaron unha visita ás instalación da Cociña central acompañados de persoal municipal.
Durante a visita o alcalde de Ames, Blas García, destacou “a importante aposta do Concello por abrir este novo servizo onde se vai a elaborar a maior parte da comida que se vai a servir nos comedores escolares. Hoxe é un día moi imporante xa que levamos moito tempo agardando poder contar con esta Cociña central. Con este servizo vai comezar a cambiar o sistema de funcionamento dos servizos de conciliación do Concello de Ames, xa que de cara ao futuro queremos dar un novo paso e ampliar este servizo de cociña máis alá do curso escolar, por iso decidimos facer un investimento tan importante nesta nova infraestrutura”.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, explicou “hoxe fíxose unha primeira proba aproveitando o funcionamento do Setembro Lúdico e para o próximo luns, 8 de setembro, comezarase a cociñar na Cociña central con total normalidade. Comezamos unha nova etapa moi ilusionante para os traballadores e traballadoras deste Cociña central e para o persoal técnico, xa que sen o seu traballo este servizo non sería posible”.
O Concello de Ames realizou un importante investimento para poder poñer en marcha este novidoso servizo. Nas obras da Cociña central investíronse 379.627,30 euros, mentres que as obras da Central de lavado tiveron un custo de 176.527,70 euros. A maiores houbo que cambiar o tellado da zona da central de lavado no que se investiron 26.477,52 euros e mercar o túnel de lavado que tivo un custo de 60.318,50 euros. En total investíronse 642.951,02 euros (sen contabilizar o mobiliario). O material e maquinaria da cociña (fornos, cociñas, campás extractoras, cámaras de frío, etc.) trasladáronse das antigas cociñas para a nova área de cociña.
Dúas grandes áreas: cociña e central de lavado
A Cociña central de Ames, que dispón dunha superficie total de 888 metros cadrados, conta con dúas grandes áreas que son un módulo para centralizar o lavado da menaxe dos comedores e unha zona de cociña onde se prepara o menú basal da rede de comedores. Deste xeito, disponse dunha única cociña con máis espazo para a elaboración diaria do menú basal que se vai a servir nos comedores escolares. Isto permite unha maior eficiencia no traballo do persoal municipal, que ata o de agora estaba repartido nas cociñas da EEI do Milladoiro, CEIP Agro do Muíño e CEP de Ventín.
Nos preto de 900 metros cadrados da Cociña central dos comedores escolares disponse de zona de entrada para a carga e descarga de vehículos, cuarto de limpeza, zona de caldeiras, módulo de lavado, zona de limpeza de hortalizas, patacas e outros produtos, almacén, oficina, área de cociña con zona de frío e zona de preparación de comida, zona de vestiarios e aseos para o persoal.
Elaboración do menú basal e menús específicos de tratamento nutricional
Deste xeito, na Cociña central vaise a elaborar o menú basal que se vai servir nos comedores escolares do CEP de Ventín, EEI do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEIP da Maía, CEIP Agro do Muíño e nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. Durante o vindeiro curso 2025-2026 van a empregar este servizo un total de 1.373 alumnos/as que irán incorporándose ao servizo en tres quendas: 8 de setembro, 15 de setembro e 1 de outubro.
Ademais, manterase operativa a cociña da EEI do Milladoiro para a elaboración dos menús específicos de tratamento nutricional que poden ser por alerxias, intolerancias e/ou calquera tratamento nutricional específico.
Equipo humano da Cociña central
O equipo humano de cociña da Rede municipal de comedores escolares está composto por 24 persoas que son persoal municipal do Concello de Ames. Na Cociña central traballan 20 persoas (19 traballadores/as que son persoal de cociña e unha persoa que se encarga da coordinación deste servizo). Ademais, na cociña da EEI do Milladoiro traballan 3 traballadores/as máis. A este equipo de traballo hai que engadir a técnica municipal de nutrición que, entre outras tarefas, se encarga da elaboración dos menús que se serven nos comedores escolares.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)