AD

Actualidad

Comeza Santiago(é)Tapas con 76 tapas a concurso

today20 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

O XVII Santiago(é)Tapas, concurso organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, botou a andar este xoves tras a inauguración celebrada en O Sendeiro, un dos locais gañadores da pasada edición. Ao acto asistiron a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e representantes da Corporación municipal e das entidades e empresas que patrocinan e colaboran co certame.

Un total de 76 tapas, oito máis que en 2025, de 48 locais, seis máis que na edición anterior, poderán degustarse en Compostela desde hoxe e ata o 8 de marzo. Estes establecementos están distribuídos en oito (é)Tapas que levan nomes dos Camiños de Santiago. Hai tamén tres rutas de interese especial: doce, vexetariana e sen glute. Todas elas poden consultarse no Tapasporte que xa se pode recoller na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) en horario de 10.00 a 18.00 h de luns a domingo; así como en todos os locais participantes.

Aquelas persoas que completen estas rutas ou (é)TAPAS no Tapasporte poderán gañar diversos premios, tales como agasallos especiais de Turismo de Santiago ligados a Compostela, produtos galegos de calidade diferenciada procedentes de DOP, IXP, Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria, de AGACAL; botellas de viño Ponte da Boga, cervexas Estrella Galicia ou lotes de Café Dromedario e ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galicia); entre outros regalos.

Ademais, entre todas aquelas persoas que voten polas súas tapas favoritas a través dos QR que atoparán nos locais participantes, sortearase unha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 en Santiago, cortesía de Vimbio.

Premios

Entre todas as tapas que concursan neste XVII Santiago(é)Tapas outorgaranse, mediante o voto ponderado do xurado profesional e do público, tres galardóns principais:

  • Premio á Mellor Tapa Doce, dotado con 1000 euros e un agasallo especial de Café Dromedario.
  • Premio Compostela Gastronómica á Mellor Tapa Tradicional, dotada con 1000 euros.
  • Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa, dotada con 1000 euros. Esta tapa será a que representará a Santiago no concurso De tapas por Galicia organizado por Turismo de Galicia.

Ademais, outorgaranse varios premios adicionais, elixidos polo xurado profesional:

  • Premio Ponte da Boga á Mellor Tapa Maridada con Viño, dotado con 500 euros en produto.
  • Premio Estrella Galicia á Mellor Tapa Maridada con Cervexa, dotado con 500 euros en produto.
  • Premio Calidade Diferenciada á Mellor Tapa con produto de DOP, IXP, Produción Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria, dotado cun lote de produtos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).
  • Premio Cash Record á Mellor Tapa Vexetariana/Vegana, dotado con 400 euros en produto.
  • Premio ACEGA á Mellor Tapa Sen Glute, dotado cun cheque de 200 euros para a compra de produtos sen glute.

O XVII Santiago(é)Tapas celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo. Organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o concurso conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela, Allwork e Vimbio.

Toda a información está dispoñible na páxina web santiagoetapas.gal 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *