AD

Actualidad

Comezan as obras de construción do novo colexio do Milladoiro que foron adxudicadas por 11,6M€

today26 agosto, 2025

Fondo
share close
AD

O novo CEIP do Milladoiro está máis preto de ser unha realidade. Esta mañá deuse conta do inicio das obras do novo colexio que é unha vella demanda do Concello de Ames e da comunidade educativa do Milladoiro. A obra ten un prazo de execución de 18 meses e foi adxudicada á empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U. por un importe de 11,6 millóns de euros. Trátase do primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dando resposta ás necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia.

En dito acto participaron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; e o alcalde de Ames, Blas García; o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila; o director territorial da Coruña; Indalecio Cabana; o arquitecto e arquitecta da obra, Iván López e Sofía Alonso; concelleiros e concelleiras do goberno municipal e dos grupos políticos municipais do Partido Popular e do BNG, así como outras autoridades da Xunta de Galicia e membros da empresa adxudicataria da obra.

Aposta pola educación pública e de calidade
O alcalde de Ames, Blas García, foi o encargado de abrir o acto. O rexedor municipal destacou que “a construción deste centro é unha aposta pola educación pública e de calidade o que é fundamental para axudar a crear cidadáns máis libres, cultos, que pensan por si sós e, sobre todo, que medran na igualdade. Hoxe estamos poñendo unha primeira pedra do presente, pero que vai ter máis importancia aínda no futuro».

Así mesmo, Blas García, puxo en valor a colaboración entre administracións para “traballar conxunta e de xeito coordinado”, xa que “ademais, a construción deste centro vai ser beneficioso para todos. Por unha parte, para a Xunta de Galicia porque vai ser o primeiro centro que se constrúa baixo a nova arquitectura pedagóxica e, para nós, porque este centro vai estar aquí, en Ames”.

Na súa intervención final, o alcalde quixo subliñar que “este centro vai estar moi ben localizado, xa que está preto das parcelas que cedemos á Xunta de Galicia para a construción de 218 vivendas públicas e, ademais, nos terreos anexos ao futuro colexio tamén vai haber unha actuación nun futuro onde se van construír máis de 900 vivendas do sector privado, co cal esta é a zona de expansión do Milladoiro e a zona de crecemento do maior núcleo do noso concello”.

A continuación interviu o arquitecto da obra, Iván López, que destacou “o edificio organízase en tres plataformas. Temos un nivel superior onde se sitúa o acceso principal. As zonas de uso colectivo e de circulación sitúanse onde están os accesos principais. Dende eses espazos imos baixando cara as zonas de infantil e primaria con espazos exteriores onde os nenos e nenas poden facer actividades no seu tempo libre. Coma xa dixen trátase dun edificio organizado en tres plataformas. Na última plataforma estará a pista descuberta e unha pequena horta que estará situada no extremo noroeste”.

Ames é un dos concellos máis dinámicos de Galicia a nivel demográfico
O novo centro vén dar resposta ás necesidades de escolarización do concello de Ames, un dos máis dinámicos de Galicia desde o punto de vista demográfico. Neste sentido, Román Rodríguez destacou que, ao abeiro do devandito plan, “comézanse a construír este ano tanto este colexio como o Instituto Domingo Villar de Vigo, ambos da man da Consellería de Vivenda, e xa temos proxectado un novo instituto no Pereiro de Aguiar, en Ourense”. Así mesmo, o plan inclúe a ampliación de 48 centros, das que están en execución 18.

“Malia a caída da natalidade, hai concellos nos que a demanda de prazas de escolarización continúa medrando, especialmente en veciñanzas máis novas, como é o caso de Navia, en Vigo, e en concellos que limitan coas cidades, como Ames ou O Pereiro de Aguiar”, explicou o conselleiro. “A Xunta está a dar resposta a estas situacións a través da construción e ampliación de centros, sempre co obxectivo de atender ás familias e que Galicia continúe a ter o servizo educativo de máis proximidade de toda España”, salientou.

Pola súa banda, María M. Allegue puxo en valor o compromiso da Xunta para dotar de todos os servizos necesarios, neste municipio, coa poboación máis nova da comunidade e onde o número de veciños segue medrando. Así, a conselleira destacou tamén a aposta do Goberno galego por facilitar o acceso á vivenda á veciñanza de Ames, onde xa está en marcha a contratación da redacción do proxecto de 78 vivendas de promoción pública na rúa de Agriños, nunha parcela cedida polo Concello de Ames. A previsión de Xunta é que se constrúan no municipio máis de 200 vivendas, cun investimento estimado de preto de 41 millóns de euros.

Flexibilidade e adaptación á paisaxe
O colexio funcionará con espazos polivalentes, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI, dando ademais prioridade a unha arquitectura de volumes baixos e adaptados á paisaxe, con boa iluminación natural e en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín. Isto inaugura un novo tipo de construción de centros escolares en Galicia.

Cunha superficie construída de 4.886 metros cadrados separada en dous andares, a distribución do centro separará os espazos de usos colectivos ou de maior concorrencia dos espazos para a docencia, de tal forma que os primeiros se situarán máis preto das zonas exteriores, no sector norte, mentres que os segundos se agruparán no sector sur. O colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio e desdobre de grupos, aula de música e sala de usos múltiples, ademais dun Polo Creativo. Estará dotado dun foro multifuncional que servirá como lugar de aprendizaxe aberto e que se situará no espazo central do primeiro andar, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

Espazos exteriores e ximnasio
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (despachos, conserxería, local para a ANPA, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

No que atinxe aos 1.974 metros cadrados de espazos exteriores, estarán repartidos entre zona cuberta e descuberta para as aulas de Infantil e pista polideportiva cuberta e descuberta.

A accesibilidade do edificio formúlase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias e itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos. Ademais de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visible, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia do edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *