AD

Actualidad

Compostela festexará o San Xoán con 667 cacharelas, 37 delas públicas

today21 junio, 2024

Fondo
share close
AD

21/06/2024 O Concello de Santiago autorizou un total de 4 cacharelas, 17 cacharelas con sardiñadas e 16 sardiñadas en espazos públicos ao longo desta fin de semana. Tamén se concederon os permisos para a realización de 630 cacharelas en zonas privadas.

As cacharelas públicas autorizadas sen sardiñada terán lugar no seguintes emprazamentos: praza de Salvador Parga, praza 8 de marzo, praza da Pescadería Vella e na rúa Antón Vilar Ponte.

As cacharelas con sardiñada terán lugar na carballeira de San Lourenzo, praza da Cruz de San Pedro, rúa José Antonio Souto Paz, no barrio de Santa Marta a carón das pistas xunto á Escola Infantil, rúa Pelamios, campo de festas de Marrozos, campo de Conxo, lugar da Peregrina, rúa Virxe Branca, campo da festa de Figueiras, praza Celso Emilio Ferreiro, rúa Irmán Santos Varela, praza da mestra Victoria Míguez, paseo da Quinta, Cortos-Marantes, Monte de Deus e Fontiñas.

Ademais, tamén se concederon autorizacións para a realización de sardiñadas sen cacharela noutros puntos da cidade.

Normas básicas

As persoas organizadoras deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080) e o de Emerxencias (112). Se a propiedade está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro e 6 metros de perímetro, nin un metro de altura. No caso da zona rural, a cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano e porase atención en alonxar a fogueira de vivendas, vehículos, e instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables ou baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico, así como de recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.

A fogueira permanecerá vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción que deberá ser asegurada empapando os restos totalmente con auga, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.

A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada e será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade.

A Concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais vén de asumir a prestación do servizo de execución das conexións eléctricas para a celebración de actividades recreativas promovidas por comisións de festas, ou asociacións veciñais e culturais. O departamento que dirixe Xan Duro procura, desta maneira, facilitar a tramitación das autorizacións para eventos como as cacharelas e sardiñadas de San Xoán.

CORTES DE TRÁFICO

Os días 22 e 23-06-2024 por mor das cacharelas a celebrar nestes puntos da cidade. Permitirase o paso a vehículos de emerxencia e persoas residentes da zona:

22/06/2024

Rúa José Antonio Souto Paz
Por mor da celebración da tradicional cacharela-sardiñada a celebrar no barrio de Pontepedriña, pecharase ao tráfico a partir das 18,00 horas a rúa José Antonio Souto Paz.

23/06/2024

Pelamios
Corte de tráfico desde as 15.30 horas dos cruzamentos Morón-Castiñeiros-Pelamios e Burgo das Nacións-Carvalho Calero.

San Pedro
Corte de tráfico da praza do Cruceiro de San Pedro a partir das 18.00 horas. Permitirase o acceso á rúa Lagartos pola parte posterior da praza.
A partir das 20:00 horas pecharase ao tráfico a intersección da Porta do Camiño coa rúa San Pedro.

Algalia de Arriba e Praza de San Miguel
Peche ao tráfico entre as 20.00 horas do 23-06-2024 e as 2.00 horas do 24-06-2024 do tramo que vai entre a Algalia de Arriba e a praza de San Miguel. O acceso das persoas residentes producirase pola entrada da Porta da Pena con saída pola rúa Atalaia.

Conxo
Peche ao tráfico das rúas Campo de Conxo e Sánchez Freire a partir das 20.00 horas e ata o remate da festa

TRANSPORTE URBANO

Por mor destes cortes algunhas liñas do transporte urbano terán que desviarse nalgúns dos seus servizos:

*Corte en Conxo, nas rúas Sánchez Freire e Campo de Conxo: afecta ás liñas 5 e C2.
Estas rúas estarán cortadas a partir das 20.00 do domingo 23.

Debido a este corte, as liñas 5 e C2 realizarán os seguintes desvíos:

-Liña 5 sentido Rocha: despois de García Prieto, desviaranse pola avda. de Ferrol, SC-20 ata a rotonda de Volta do Castro, continuando o percorrido habitual por Poza Real de Abaixo (Sta. Apolonia).
Paradas suprimidas: (575) Sánchez Freire; (155) Campo de Conxo, psiquiátrico; (127) Benéfica de Conxo, Televés; (626) Torrente, cruce Travesa Benéfica; (628) Torrente nº 28.

-Liña 5 sentido Vite: realizarán o percorrido habitual ata a rotonda de Televés, onde realizarán cambio de sentido voltando por Torrente, rotonda de Volta do Castro, SC-20, e itinerario habitual pola avda. de Ferrol.
Parada suprimida: (412) Campo de Conxo, psiquiátrico.

-Liña C2: despois de García Prieto, desviarase pola avda. de Ferrol ata a rotonda de Conxo e accederá ao hospital Provincial. Á saída do hospital, terá que ir pola SC-20 ata a rotonda de Volta do Castro, continuando por Torrente, Benéfica, cambio de sentido na rotonda de Televés e retomando o itinerario habitual na rúa dos Roláns.
Paradas suprimidas: (575) Sánchez Freire; (155) Campo de Conxo, psiquiátrico.

*Cortes no barrio de San Pedro. A partir das 20:00 pecharase ao tráfico a intersección da Porta do Camiño coa rúa de San Pedro.

-Liña C11: desde Virxe da Cerca irá por San Roque, Pastoriza, avda. Rodríguez de Viguri e avda. de Lugo, retomando o seu itinerario habitual cara Fontiñas na avda. de Lugo.
Paradas suprimidas: (397) Porta do Camiño; (511) rúa San Pedro nº 58; (219) Cruceiro de San Pedro.

Todas as paradas do transporte urbano nos percorridos de desvío serán paradas alternativas a realizar polas liñas a demanda de usuarios.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%