Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 diciembre, 2024
Ante as informacións que se fixeron públicas este venres 13 de decembro de 2024 na Cadena SER relativas a detalles confidenciais do prego de cargos ao que me enfronto como portavoz, quero expresar o seguinte:
1. É de extrema gravidade que se difunda unha información relativa a un procedemento en curso de maneira non autorizada. Unha información confidencial que, facéndose pública, non só se incorre nunha violación fragrante das normas legais e de ética, senón que pon en risco a integridade mesma do debido proceso e afecta directamente á confianza na instrución do mesmo.
2. Este feito é a proba fidedigna que vén a demostrar as sospeitas que fixen públicas onte, sobre a forma na que se estaba a levar a cabo o proceso, socavando a credibilidade dun mecanismo que dicían ser garantista.
3. Á vista das informacións feitas públicas no día de hoxe, ratifico a miña intención de demostrar, coas probas documentais necesarias, e que xa se aportaron ao instrutor do expediente, a falsidade de cantos feitos se me imputan como portavoz municipal. Remarcando, ademais, que todas as accións que defendín partían dun acordo previo de todas as concelleiras e concelleiros socialistas, e que estiveron e seguen a estar orientadas a preservar o cumprimento do mandato representativo do grupo, actuando en coherencia coas decisións colectivas tomadas no seu seo e no interese do proxecto político que representamos.
4. É rotundamente falso que o Grupo Municipal Socialista se negase á coordinación coa dirección local do partido, accedendo a celebrar semanalmente reunións de coordinación e convocando ao secretario xeral local ás reunións de grupo mensuais, previas ao pleno municipal.
5. De igual modo, é falso que non existira interlocución no referido á ordenanza que completaba a regulación das vivendas de uso turístico, dándolle traslado á CEM da documentación relativa a ordenanza, e celebrándose dúas reunións nas que se tratou esta cuestión, nas que se fixou claramente unha posición de apoio á ordenanza que, despois, foi alterada unilateralmente por parte da dirección local.
6. Cómpre aclarar que coordinar non é intentar suplantar ao Grupo Municipal Socialista, quen ostenta o mandato representativo da veciñanza de Santiago, no debate político de Compostela, e impoñer posicionamentos sen consenso nin diálogo e baixo advertencia de apertura de expedientes disciplinarios. Iso é outra cousa.
Reiterar, por tanto, a miña profunda decepción ante o que está a ocorrer con este proceso aberto sen fundamento algún, confiando, novamente, en que o Partido Socialista Obreiro Español ao que me afiliei hai máis de dez anos saiba reconducir unha situación que está a causar uns efectos políticos moi graves para o noso partido e para o que ten representado o PSdeG para esta cidade: construíndoa, planificándoa e queréndoa.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)