AD

Actualidad

Concepción Losada: “Falar galego non debe ser unha carga senón unha vantaxe competitiva”

today18 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
A profesora recolleu o Premio Luís Porteiro Garea pola súa traxectoria a prol da lingua nun acto no que o reitor Antonio López destacou que as horas lectivas impartidas no idioma propio da USC medraron en 20.000, un 19 % máis ca no curso anterior
Santiago de Compostela, martes, 18 de novembro de 2025.- Concepción Losada Vázquez recolleu este martes 18 o Premio Luís Porteiro Garea de mans do reitor Antonio López Díaz pola súa traxectoria a prol da normalización da lingua propia da USC. A profesora da área de Psicobioloxía destacou no seu discurso de agradecemento que “falar galego non debe ser unha carga senón unha vantaxe competitiva” e salientou que “é unha honra para min recibir un premio que recoñece unha contribución á promoción e ao emprego da lingua galega, un elemento esencial da miña cultura a quen debo o que son e o país no que vivo”.A profesora da Facultade de Psicoloxía puxo en valor que este recoñecemento outórgase “ao traballo que fixemos na Comisión de Normalización Lingüística da miña Facultade durante os moitos anos en que eu tiven a sorte de ser a súa presidenta”. Ademais, Losada Vázquez definiu as premisas que sempre orientaron a súa concepción do uso do galego na Universidade. “Teñen que falar galego os mellores profesores e profesoras, teñen que dar clase en galego os mellores profesores e profesoras; se non existen, hai que crear eses materiais de traballo universitario en galego, e non podemos pensar nunha Universidade que viva en galego sen que a estrutura administrativa e de servizos viva en Galego”, asegurou.

Uso do galego na docencia

Na súa intervención, o reitor Antonio López Díaz lembrou “o compromiso global” da profesora Losada co galego, un compromiso que abrangue ámbitos tan dispares como a docencia, o teatro ou a promoción do traxe. O reitor puxo o foco en que un acto como a entrega do Porteiro Garea cumpre unha tripla función: por unha banda, recordar a pegada do que fora profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou o 16 de setembro de 1915 no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia; en segundo lugar, poñer en valor a figura de persoas que dende a Universidade traballaron e traballan a prol da lingua; e finalmente reflexionar sobre “o que fixemos e cara a onde nos diriximos” na normalización do galego.

Neste senso, Antonio López presentou algunhas das cifras máis “alentadoras” extraídas do Informe sobre o Uso do Galego correspondente ao curso 2025-26 que elabora cunha periodicidade anual o Servizo de Normalización Lingüística. O reitor destacou que o galego gaña terreo nas aulas e chega xa ao 29,2% das horas impartidas, a porcentaxe máis alta de toda a serie histórica. Ademais, o Campus de Lugo imparte o 39,3% de clases en galego, mentres que no de Santiago esta porcentaxe sitúase no 27,4%. En suma, o incremento deste curso supón aumentar “en máis de 20.000 as horas de docencia que se imparten en galego: un 19% máis ca no curso 2024-25”, lembrou o reitor.

“Ensinar é tamén acompañar”

O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acolleu o acto de entrega do Porteiro Garea no que ademais de galardoada e reitor, interviñeron o catedrático de Medicina da USC Antonio Pose Reino, que pronunciou a laudatio da premiada; a alcaldesa do concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC e secretario do xurado, Manuel Núñez Singala, que deu lectura ao ditame. Na mesa presidencial tamén estivo presente o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa. Toda a cerimonia foi amenizada pola Agrupación Universitas Música da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela.

O profesor Pose destacou que o uso do galego é “unha forma de coherencia intelectual e de expresión de identidade” para Concepción Losada. Docente na USC durante máis de 30 anos e primeira muller en presidir o padroado do Museo do Pobo Galego, Antonio Pose Reino puxo en valor “o rigor intelectual” da premiada, quen sempre tivo claro que “ensinar é tamén acompañar”. Pola súa parte, a alcaldesa de Compostela definiu como acto de xustiza a concesión deste premio a unha muller, dixo, que se define pola “súa capacidade de ilusión e entrega”.

O xurado acordou de forma unánime conceder o premio á profesor Losada destacando “a súa ampla traxectoria na promoción do idioma e na galeguización de ámbitos e actividades da USC”. Ademais de “ser un exemplo do uso da lingua para as promocións de profesorado e estudantado mais novos, foi a primeira presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da USC”. O ditame lido por Manuel Núñez Singala valora “o seu destacado papel no estudo e difusión da cultura galega”.

En edicións anteriores, foron distinguidos co Premio Luís Porteiro Garea os profesores Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión e Marilar Aleixandre.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *