Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 septiembre, 2025
Os beneficios recadados destinaranse á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), encargada de ofrecer asistencia humanitaria á poboación palestina
As entradas están a venda na web da Capitol (https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/amal-x-gaza-2025-capitol) e na Reixa Tenda
A Fundación Araguaney-Puente de Culturas e o Festival AMAL organizarán o vindeiro 9 de outubro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela ás 20:30 horas, a segunda edición de “AMAL X GAZA. CONCERTO SOLIDARIO (ARTISTAS GALEGAS X PALESTINA)”, enmarcado na programación da XXIII Semana de Cine Euroárabe AMAL. O evento conta coa colaboración da Cátedra USC – Araguaney para o Diálogo entre Culturas [da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Universidade de Santiago (USC)] e a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE).
O concerto contará coa participación altruísta de artistas recoñecidos do país, como Mondra, Monoulious DOP, Wöyza e Ruxe Ruxe, así como coa actuación do grupo de baile palestino Watani. A implicación desta serie de artistas de gran renome reflicte o compromiso do pobo galego coa causa palestina.
O concerto solidario ten o obxecto principal de recadar beneficios para apoiar á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados e as Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA). Desde a Fundación Araguaney-Puente de Culturas ponse en marcha novamente este evento para mostrar publicamente o seu apoio á UNRWA, nun momento no que a axencia continúa gravemente infrafinanciada. “A pesar de que varios países retomaron parte do financiamento suspendido en 2024 —entre eles a Unión Europea e o Estado español—, a UNRWA segue nunha situación crítica, como consecuencia directa dun castigo político colectivo contra a poboación refuxiada palestina. A falta de recursos impide garantir a distribución regular de alimentos, medicamentos e a continuidade dos servizos educativos e sanitarios para millóns de persoas refuxiadas, condenadas ao abandono internacional. En Gaza, onde gran parte da poboación está desprazada e a infraestrutura civil destruída, a UNRWA continúa sendo a única entidade capaz de manter unha resposta humanitaria sostida”, sinala a Fundación.
As entradas están á venda de forma anticipada (15 euros + gastos de xestión) na web da Sala Capitol (https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/amal-x-gaza-2025-capitol). Tamén se poderán adquirir na Reixa Tenda (rúa do Hórreo 46) e no despacho de billetes da Sala Capitol o propio día do evento a partir das 19:30 horas. A apertura de portas será ás 19:45 horas (prohibida a entrega a menores de 16 anos).
Traxectoria dos grupos
MONDRA
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país.
Co seu álbum debut, titulado ARDEN (Altafonte, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA.
Sobre os palcos, Mondra ten realizado ata a data máis de oitenta concertos dentro e fóra da xeografía galega coa súa FOLIA das ARDENTES, aclamada polo público.
No mes de maio de 2025 Mondra lanza o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA (Altafonte, 2025).
A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións “ou 11 estados do corpo” de DE RONDA, un álbum persoal e irreverente, “para seducir”, que presenta un novo son, orgánico e fresco da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz).
WÖYZA
Wöyza é unha artista galega multifacética: cantante, compositora, produtora e formadora. Considerada pioneira da escena Hip Hop-Soul/RnB en lingua galega e castelá, tamén foi a primeira cantante/rapera estatal en colaborar con artistas portugueses.
Ao longo dos seus 23 anos de carreira, editou 3 EPs, 2 LPs en solitario e varios traballos colectivos, como co coro V-Go! Negro Son Coro ou coa súa banda Wöyza & The Galician Messengers, onde mestura a música tradicional galega con sonoridades urbanas e electrónicas. Participou tamén en proxectos como Imperio Norte, Licor Kafé ou os colectivos europeos Rebel Babel Ensemble e U.N.I.T.Y., este último con enfoque feminista e multicultural.
Entre as súas múltiples colaboracións destacan artistas como Nach, con quen actuou no Pepsi Center de CDMX, así como Rapsusklei, Putolargo, Ganjarh Family, Dealema, Mind da Gap ou figuras doutras escenas como Iván Ferreiro, Carlos Núñez, Cristina Pato ou Guadi Galego.
A súa música chegou a cidades de todo o mundo: Nova York, Casablanca, CDMX, Montevideo, Zurich, Berlín ou Lisboa. O seu álbum debut internacional, Pisando el suelo que ves (2008), superou o millón de descargas. A este seguiron Pelea (2016), Tábula Rasa (2019) e o seu último vídeo-single “Cómo sería” xunto a Nach, con máis de 1 millón de visualizacións.
Recoñecida pola súa voz emocional e auténtica, foi alcumada como a “Lauryn Hill española”, pola súa calidade vocal e o seu impacto no soul e hip hop latino. Recibiu 3 premios Martín Códax da Música Galega como mellor artista urbana (2014, 2019, 2021), e premios 40 Principais Vigo Maketón ao mellor álbum en 2015 e 2024.
Tras unha xira por México e a despedida da súa banda, está a preparar o seu próximo traballo en solitario para 2025. Ademais, leva máis de 15 anos formando artistas, é coach vocal e participou en proxectos como a exposición “Galicia Futura” na Cidade da Cultura, centrada en xénero e música.
RUXE RUXE
Con case tres décadas carreira, de discos, de cancións e de directos ás costas , RUXE RUXE logran a cada paso acadar maiores cotas de calidade, de enerxía e de enxebrismo punk, folk e rock en cada concerto.
«Ser de aquí e dun tempo» que diría Celso Emilio Ferreiro. «Rapaces da aldea máis non uns ninguéns» que diría Neira Vilas.
Os ruxe fuxiron sempre das modas, do comercial do momento, do politicamente correcto e das zonas de confort adentrándose sempre nos camiños das emocións, da coherencia persoal, das liberdades e do orgullo cultural e lingüístico.
Polo rego do realismo máxico punkeiro, enérxico e contaxioso levan compartido experiencias en escenarios galegos, estatais e incluso internacionais e sempre deixando a súa pegada aló por onde pasan.
MONOULIOUS DOP
Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para internet. A súa curiosidade, con youtube en auxe, fan que empecen a subir videoclips que eles mesmos producen e que coa forza das redes sociais pronto contan co apoio do público.
Este empuxe da xente é o que os incita a subir aos escenarios e montar un espectáculo para defender eses temas en directo en clave de pop.
Hoxe, buscados aínda polo logaritmo, sobreviven como músicos deixados a súa fortuna. Se vostede ten un guateque e os atopa quizais poda contratalos: Monoulious DOP.
WATANI
O grupo Watani, unha compañía de danzas folclóricas palestinas con sede en Madrid, foi fundado en 2022. Composto por bailaríns de diversas procedencias, o grupo exemplifica a solidariedade entre os pobos. O seu obxectivo é achegar a danza a un público amplo, incluíndo tanto a nenos como a adultos. A súa visión é promover o coñecemento da cultura palestina e difundila de maneira constante en todos os espazos posibles.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)