Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 octubre, 2025
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa (PDRA) anunciaron este luns en Santiago a convocatoria dunha mobilización nacional o vindeiro 14 de decembro para mostrar rexeitamento ao proxecto industrial que a empresa Altri pretende desenvolver en Palas de Rei (Lugo).
A protesta terá lugar case un ano despois da multitudinaria concentración do 15 de decembro de 2024, cando varios milleiros de persoas encheron as rúas de Compostela baixo o lema “Altri Non”.
Os presidentes de Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, e da PDRA, Xaquín Rubido, chamaron á cidadanía a “seguir mobilizándose” e reclamaron á Xunta de Galicia que “denegue xa o expediente completo”. Rubido lembrou que foi a presión social a que impediu que Altri accedese ao Perte de descarbonización e ás axudas de 250 millóns de euros solicitadas pola compañía.
As plataformas explicaron que o obxectivo desta nova cita será “paralizar todas as autorizacións aínda pendentes”, nomeadamente as referidas á planificación eléctrica, á captación de auga e á autorización ambiental integrada. “Estamos nun momento decisivo e o 14D debe converterse nunha mobilización histórica para que a Xunta peche definitivamente a porta a este proxecto”, sinalou Sánchez.
As entidades tamén celebraron a exclusión de Altri da planificación eléctrica 2025-2030, anunciada en setembro polo líder socialista José Ramón Gómez Besteiro. A decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) deixa á empresa sen a subestación proxectada en Palas de Rei, aínda que as plataformas avanzaron que seguirán atentas á tramitación, presentando alegacións se fose preciso, tras os anuncios do proxecto Gama de recorrer a resolución.
Sánchez e Rubido acusaron ademais á Xunta de “mentir” ao vincular a exclusión de Altri co suposto freo do desenvolvemento eléctrico en Lugo. “Non é certo, porque a subestación só estaba pensada para dar servizo á planta de celulosa. Ningunha outra empresa reclamou pola súa ausencia”, apuntou o presidente de Ulloa Viva, quen reiterou que o proxecto “carece de fondos públicos, de auga, de electricidade e tamén de licenza social”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)