Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 marzo, 2025
Os traballadores e traballadoras das empresas Tralusa e Aulusa-Santiago, que xestionan a maior parte do transporte urbano de Santiago, convocaron unha folga para os días 14 e 21 de marzo, coa posibilidade de prolongala de xeito indefinido a partir do 1 de abril, se non se resolve a súa demanda principal: a eliminación dunha discriminación histórica que afecta ao persoal de Aulusa-Santiago.
Inácio Pavón, da FGAMT-CIG de Compostela explica que, aínda que as liñas están formalmente asignadas a Tralusa, Aulusa-Santiago encárgase de cubrir as correquendas, as baixas e os ocos que van quedando no cadro de servizos. Porén, os traballadores de Aulusa-Santiago non están incluídos no cadro de servizos, unha situación que se arrastra desde hai anos.
“Desde hai tempo, vimos defendendo que, co novo concurso, todas as empresas deberían fusionarse nunha única entidade, garantindo as mesmas condicións laborais para todos os traballadores. Este obxectivo conseguimos que fose aceptado polo Concello. Porén, malia iso, aínda non se logrou a igualdade de condicións na empresa ao Monbus negarse a unificar os cadros”, salienta Pavón.
O representante da CIG subliña que esta situación é discriminatoria. “Os traballadores e traballadoras que entran en Tralusa, si que poden ser incluídos no cadro de servizos. Porén, persoal de Aulusa-Santiago con 14 ou 15 anos de experiencia nunca consegue unha praza no cadro. O que reclaman é que vaian accedendo ao cadro por orde de antigüidade independentemente da empresa”.
Negociacións desde hai ano e medio
Pavón lembra que, desde hai un ano e medio, vense intentando negociar este tema coa empresa e sinala que a pesar das trabas “chegamos a un compromiso verbal de que, antes do verán de 2024, se implantaría un novo cadro único. Porén, a empresa pediuno atrasar para despois do verán, alegando a gran cantidade de vacacións e baixas durante ese período. Aceptamos este atraso, pero, durante o verán, a presidenta do comité de empresa fixo declaracións públicas sobre o mal estado dos autobuses, algo que levamos denunciando desde hai tempo. Como represalia, a empresa decidiu deixar sen efecto o compromiso de crear o cadro único”, explica.
En setembro retomáronse esas negociacións e o compromiso por escrito ao que chegaron os representantes dos traballadores e a empresa foi que se se demostraba que era posible co persoal actual elaborar un cadro único este asinaríase antes do 10 de outubro, como así que dou reflectido por escrito na acta.
Tras asinarse esa acta celebrouse unha xuntanza entre o comité e o Xefe de Tráfico, na que se elaborou unha proposta que cumpría con eses requisitos e que foi sometida a unha asemblea de traballadores/as e aprobada por unanimidade. Porén, unha vez máis a empresa negouse a asinar o acordo final.
En xaneiro deste ano, tras rachar as negociacións, a empresa convocou de novo ao comité dando a entender que podería haber un acordo ao que se volveu negar. “Ante esta situación, convocamos unha asemblea co persoal, que decidiu convocar unha folga. O que pedimos non implica custos económicos para o Concello ou a empresa. Simplemente, buscamos eliminar unha discriminación histórica no transporte urbano de Santiago e non aceptamos que se nos trate como ‘nenos pequenos’”, afirma Pavón.
O representante da CIG recorda que “xa no pasado, tivemos que acudir á Inspección de Traballo para que o persoal de Aulusa cobrase un plus que xa recibía o de Tralusa, para que se fixesen contratos indefinidos e para garantir os mesmos días de descanso”, sinalou.
Mobilizacións previstas
A folga está convocada para os días 14 e 21 de marzo. Se non se resolve a situación, a partir do 1 de abril convocarase unha folga indefinida. Os traballadores xa informaron ao Concello desta situación e teñen unha reunión o próximo luns co conselleiro de Mobilidade para explicarlle que o que piden non é máis que eliminar esta discriminación.
Ademais, teñen convocada unha concentración para mañá venres, día 7 de marzo, ás 11:30, na Praza de Galicia e outra o día 12, tamén ás 11:30 horas, na parte de arriba da estación de autobuses.
Xunto a isto, participarán na manifestación do 10 de marzo cunha pancarta propia e repartirán panfletos e carteis para informar á cidadanía sobre a folga e as razóns detrás dela.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)