AD

Actualidad

Coral Carballedo Roca, graduada en Psicoloxía pola USC, gaña o premio ao mellor TFG da Valedora do Pobo

today20 marzo, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

Mércores, 20 de marzo de 2024.- A graduada en Psicoloxía pola USC Coral Carballedo Roca Traballo foi a gañadora da cuarta edición dos IV premios Valedora do Pobo aos mellores traballos en materia de igualdade e dereitos das mulleres polo Traballo Fin de Grao (TFG) ‘Violencia de xénero: impacto das ordes de protección e do proceso xudicial no benestar psicolóxico das vítimas’. Na categoría de Traballo Fin de Mestrado o premio foi para Teresa Búa Zache, da Universidade da Coruña, por ‘Lexislar e xulgar dende a perspectiva de xénero: Especial referencia ao ámbito do Dereito Penal e aos delitos sexuais’.

Os galardóns foron entregados este mércores no Colexio de Fonseca nun acto que comezou co rexeitamento unánime do asasinato machista en Palmeira, un “lamentable” crime que para o reitor “é mostra de que a pesares de estar xa en pleno século XXI a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres non a temos conquerida”.

O acto presidiuno o reitor USC, Antonio López, e contou tamén coa participación da valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivo; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, e a delegada de igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez. Todos eles coincidiron na importancia da colaboración institucional entre a Valedora do Pobo e as universidades galegas, que con premios coma os de hoxe demostran que en Galicia existe un alto potencial na investigación de xénero con enfoque feminista.

Impacto directo do proceso xudicial

Como explica no seu TFG, as vítimas de violencia de xénero habitualmente recorren ao sistema xudicial para obter protección e frear o ciclo da violencia, sendo as ordes de protección unha medida habitualmente adoptada polos xuíces e xuízas coa finalidade de garantir a seguridade das denunciantes. Diante desta situación, Coral Carballedo deu un paso máis aló ao estudar outro papel das ordes de protección baseado na súa capacidade de potenciar o benestar psicolóxico das vítimas e comprobar se xeran unha redución do malestar psicolóxico sufrido polas mulleres vítimas de violencia de xénero.

Do traballo empírico cunha mostra de 117 mulleres denunciantes de violencia de xénero, a graduada pola USC conclúe que efectivamente existe un efecto directo psicolóxico beneficioso, especialmente no referido aos síntomas depresivos, no proceso de encarar ao agresor pola vía xudicial, mentres que non se atopa  unha relación directa significativa coa sintomatoloxía no caso das ordes de protección, “que poderían, non obstante, facilitar a súa seguridade, a permanencia no proceso, o apoderamento psicolóxico e o afrontamento xudicial”.

Xustiza terapéutica

Á luz dos resultados, apunta Carballedo, o apoderamento e a Xustiza Terapéutica constitúen dous pilares fundamentais. O primeiro porque posibilita que a muller adquira “un sentimento de capacidade e de poder antes limitado e dificultado pola relación violenta que redunde na mellora das manifestacións clínicas ou subclínicas presentadas”, e o paradigma da Xustiza Terapéutica porque conceptúa que o proceso xudicial ten a capacidade de lograr un efecto terapéutico grazas a interacción, participación e acción dos axentes xudiciais.

A tenor disto, conclúe, “un proceso que potencie o sentido de poder (a través do recoñecemento do dano) e que considere que o trato dos traballadores ten un impacto positivo, pode explicar a recuperación do benestar psicolóxico das mulleres vítimas de violencia de xénero previamente minguado pola relación de maltrato”.

 

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%