AD

Actualidad

Cova Rodríguez: «Se queredes ver un Nobel, tedes que vir a Padrón»

today26 junio, 2025

Fondo
share close
AD
  •  A directora da Fundación Pública Galega Camilo José Cela destaca os elementos que máis impactan na visita —como a mesa intacta do autor— e reivindica a figura dun Cela comprometido co pensamento crítico, tamén coas mulleres do seu tempo, a quen lle dedica unha exposición en Santiago

En Iria Flavia, berce e destino literario, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela acolle o impresionante legado dun dos escritores máis recoñecidos do século XX. A súa directora, Cova Rodríguez, repasou nunha entrevista realizada por Sara Garea en Radio Líder Santiago a historia, curiosidades e actividades deste espazo único no mundo. “Non sempre valoramos o que temos preto. Conservamos aquí un dos legados culturais máis importantes sobre un autor, en volume e variedade”, asegurou.

A Fundación foi creada polo propio Cela en 1986 e ocupa hoxe catro das Casas dos Cóengos, en Padrón. O autor doou gratuitamente o seu arquivo —manuscritos, correspondencia, libros, obxectos, premios e máis— para que fose conservado e compartido coa cidadanía galega. Os premios máis importantes do autor —o Nobel, o Cervantes e o Príncipe de Asturias— están tamén expostos no museo. “Se queredes ver un Nobel, tedes que vir a Padrón”, sentenciou entre risas.

Entre os elementos que máis fascinan ao público están os espazos persoais reconstruídos, como o seu escritorio: “A mesa está tal cal quedou o día que faleceu. Ese anaco de Madrid montámolo aquí. Iso é o que máis chama a atención da rapazada”, explicou Rodríguez.

A Fundación adaptouse para ser un espazo accesible a todas as idades, con visitas escolares dende infantil ata bacharelato. “Pódese explicar Cela a nenos de 3 ou 4 anos sen problema. Hai formas de contalo que lles chegan”. A nivel museográfico, o espazo foi reestruturado por orde cronolóxica para facilitar a comprensión das etapas vitais e literarias do autor.

Pero a experiencia tamén impacta nos adultos. “A xente vén cunha idea preconcibida, moitas veces negativa. Pero cando coñecen a súa historia real, mudan totalmente a súa opinión”, asegura. “Cela era moi tímido, afable e atento cos seus amigos. Pero sabía que tiña que crear un personaxe público provocador para sobrevivir nunha España difícil, na posguerra”.

Un exemplo do Cela máis humano e comprometido pódese ver na exposición «Me Proclamo Feminista», situada no Claustro Alto do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, ata o 4 de xullo. Nela revélase a súa intensa relación con mulleres artistas e intelectuais como Ana María Matute, María Xosé Queizán, Carmen Conde, Rosa Chacel ou mesmo figuras populares como Sara Montiel ou Lola Flores. A mostra parte dunha frase que Cela escribiu nun artigo de 1962: “Me proclamo feminista y me gustaría verlas sublevadas”.

Ademais das exposicións, a Fundación é sede de eventos como o Festival Atlántica de Narración Oral e ofrece visitas especiais á colección de manuscritos do autor. “Hai actividades todo o ano e todas son gratuítas. Queremos que a xente se achegue, que perda o medo”, destacou Rodríguez.

A visita, ademais de literaria, é emocional. “Cando percorren o museo, especialmente os adultos, recoñecen que a súa visión sobre Cela cambia. Iso é o que máis valoramos: darlles unha nova ollada sobre unha figura esencial da nosa cultura”.

Ao final da visita, o máis frecuente é escoitar unha reflexión repetida: “A miña idea sobre Cela cambiou completamente”. E iso, segundo Covadonga Rodríguez, é o obxectivo final da Fundación: abrir a porta a unha figura máis complexa, culta e profundamente galega do que moitos pensaban.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *