Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 marzo, 2025
A situación da rede de abastecemento de auga na rúa da Mira, en Amio, xerou un novo enfrontamento político entre o Partido Popular de Santiago e o goberno local. As concelleiras populares Yolanda Otero e Nerea Barcia denunciaron, tras reunirse coa veciñanza afectada, os continuos problemas derivados das roturas da tubaxe, que provocan cortes no subministración, asolagamentos e a chegada de auga en mal estado ás vivendas. Ante isto, esixen que o Concello leve a cabo melloras urxentes para solucionar esta problemática.
«Estamos a falar dun servizo de primeira necesidade, pero o goberno local non lles dá resposta», afirmou Otero, sinalando o «malestar crecente» dos veciños. Pola súa banda, Barcia recordou que xa en setembro de 2024 a veciñanza denunciara a situación, que agora se repite con máis frecuencia. «Nunha semana rompeu tres veces a mesma tubaxe e o goberno só sabe pedirlles paciencia, xa que o arranxo non estaba contemplado nos orzamentos», criticou.
Desde o PP acusan ademais ao executivo municipal de incumprir as promesas feitas en campaña electoral e de non ter un plan claro para solucionar o problema. “Todo indica que en 2025 tampouco haberá solución”, lamentou Barcia, que censurou a falta de información sobre a existencia dun proxecto e a súa posible licitación.
Fronte ás críticas do PP, o goberno municipal defendeu a súa actuación e asegurou que o problema da rúa da Mira está a ser atendido con prioridade. Nun comunicado remitido aos medios, explicou que as avarías na rede de abastecemento son frecuentes en tubaxes compostas por fibrocemento e polietileno de baixa densidade, materiais que representan boa parte da infraestrutura da cidade. En total, Santiago conta con 69,04 km de tubaxes de fibrocemento, das cales 32,14 km forman parte da rede de distribución e 36,90 km da rede de transporte.
En relación á última rotura na rúa da Mira, ocorrida o pasado martes 11 de marzo, o Concello indicou que a empresa concesionaria Viaqua atendeu a incidencia de forma inmediata. Ademais, o concelleiro de Servizos, Xesús Domínguez, desprazouse ao lugar para reunirse coa veciñanza e explicarlles que a renovación da acometida xa conta cun proxecto redactado. Segundo afirmou, o Concello considera esta obra unha prioridade.
Os residentes, segundo o goberno municipal, agradeceron a presenza do concelleiro e expresaron a súa vontade de seguir en contacto para coñecer os avances na solución do problema.
O executivo compostelán tamén aproveitou para rexeitar as críticas do PP, ao que acusa de ofrecer unha visión «imprecisa» da realidade e de utilizar esta situación con fins políticos. O goberno local asegura que está a traballar nun plan de renovación das infraestruturas máis obsoletas e insiste en que a mellora da rúa da Mira xa está en marcha.
Mentres tanto, a veciñanza continúa á espera dunha solución definitiva que remate cos continuos cortes de auga e as molestias derivadas das roturas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)