AD

Destacado

Dani Pardo: o cantante que esperta o son esquecido das verbenas galegas

today27 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

Coa forza dunha voz clásica e o corazón nunha verbena, o artista lucense revive a música de sempre cun estilo propio e máis de 130 concertos ás súas costas

Dani Pardo non é un debutante calquera. É un artista que chega coa mochila chea de verbena, copla, emoción e, sobre todo, identidade. “Cando era pequeno, a orquestra que escoitaba na casa era a Compostela con Miguel Torres á cabeza. Todo se pega”, lembra, coa paixón de quen sabe que a súa proposta musical non só é artística, senón tamén cultural.

Nunha conversa con Álvaro Veiga no espazo matinal de Radio Líder Santiago, o cantante fixo un repaso íntimo e reflexivo á súa carreira, desde os primeiros pasos nos concursos de televisión como Recantos, ata o éxito da súa carreira en solitario, consolidada xa con máis de 130 concertos en menos de dous anos.

“Este estilo está dormido, si, pero estou aquí para facelo espertar”, asegura con firmeza, referíndose ao pop galego con raíces tradicionais, aos pasodobres, ás coplas e aos himnos á emigración que conforman o seu repertorio.

Natural de Baralla, Lugo, Dani representa unha rara avis no panorama musical actual: un mozo de só 32 anos que defende os sons clásicos da música galega cunha estética e enerxía contemporánea. Non canta por moda, canta por memoria.

“Moi pouca xente da miña idade canta estas cousas. Eu crieime con isto. Non é unha pose, é parte do que son”, explica.

Radio Líder Santiago lanza unha promoción especial para as comisións de festas

A súa conexión co público non pasa desapercibida. As súas interpretacións de pezas como Canto aos emigrantes —un tema homenaxe aos galegos da diáspora— ou a súa recente Noite sen luz, en forma de bachata intimista, amosan que a emoción e a identidade non están rifadas co presente.

“Parece que estás arroupado no escenario, pero cando chegas ao cuarto do hotel estás máis só que de voar”, confesou sobre a soidade do artista tras o aplauso.

A súa primeira gran oportunidade chegou da man do concurso Recantos do programa Luar da TVG. Aínda que recoñece que non soubo “aproveitalo o suficiente”, foi unha aprendizaxe esencial. “Se a xente ve que estás parado, vai esquecer de ti”, admite. A clave está en manterse activo, visible e auténtico.

A súa carreira colleu forza tras unha actuación como artista convidado en Dúrcal, hai dous anos. Desde entón, os teléfonos non deixaron de soar. Representantes, comisións de festas, concellos… Dani converteuse nun dos artistas máis contratados para verbenas e eventos populares.

“Hai que ter un plan claro e personalidade. Se non tes un selo propio, estás condenado a desaparecer”, sentencia.

Pardo define a súa arte como “crúa”, directa, sen maquillaxes. Rexeita o uso de autotune e aposta por gravacións que respecten a verdade da interpretación. “Así como sae, así vai”, di. Ese é, para el, o seu maior valor diferencial. A súa voz soa limpa, vibrante, sen trampa nin cartón, como puido demostrar cunha breve actuación a capela no estudio da emisora.

Aínda que non compón os seus temas —“de momento traballo con quen sabe, porque prefiro dar traballo a outros que intentar facer algo para o que aínda non estou preparado”—, si participa activamente na elección das letras e na dirección artística. Colabora con nomes recoñecidos como Pedro Gordillo, mítico autor da copla española, e recoñece en artistas como Ana Mena, Diana Navarro ou o propio Juan Pardo grandes referentes da súa liña musical.

De cara ao verán, Dani xa adianta novidades: “O seguinte tema vai tocar a parte máis sensible da xente do mar”, di sen desvelar demasiado. Promete ser unha canción fonda, emotiva, pensada para os mariñeiros e as súas familias, outro xeito de conectar tradición e sentimento.

A súa bachata Noite sen luz xa circula en redes e plataformas dixitais, cun videoclip que ilustra esa sensación de soidade post-espectáculo que viven tantos artistas. “É a primeira vez que gravo un videoclip, pero non será a última”, promete.

Nun tempo onde todo parece efémero e artificial, Dani Pardo aposta pola verdade. Pola música que nace dunha emoción auténtica. Pola tradición que, ben cantada, nunca pasa de moda.

“A copla, o pasodobre, as cancións da nosa terra… están volvendo. Igual que no latino volve a salsa, a bachata ou o merengue, eu creo que tamén pode volver o son galego de sempre, ese que toca o corazón”, reflexiona.

Dani Pardo é, sen dúbida, unha voz chamada a marcar unha nova etapa na música galega. Unha etapa que mira cara ao futuro, pero sen esquecer nunca de onde vén.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *