Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 abril, 2025
Redacción, 21 de marzo de 2025.- Con só 18 anos, Daniel Morán xa é unha referencia na fusión entre a mocidade, a música tradicional e a identidade galega. Natural do Bierzo e estudante de Medicina na Universidade de Santiago, Daniel pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago para falar da súa paixón pola gaita e da súa actividade en redes sociais, onde acumula milleiros de reproducións.
«Empecei coa gaita aos seis anos, un pouco facendo o tonto con ela, pero a base enseñouma o meu pai, e logo tiven grandes profesores no Bierzo», contou Daniel, quen tamén confesou que nos últimos anos ten sido máis autodidacta.
A súa popularidade disparouse grazas a TikTok, onde mestura tradición e viralidade. «Galeguizo as cancións. Levo temas como Coldplay ou Eye of the Tiger á gaita, e iso choca moito, queda na memoria», explica. De feito, interpretou en directo no estudio unha versión instrumental do mítico tema de Survivor, que deixou aos locutores sen palabras.
Aínda que a súa familia máis próxima é berciana, Daniel recoñece unha forte conexión coa cultura galega: «O galego está interiorizado. Sentímolo como parte nosa. Non nos molesta que nos chamen galegos, ao contrario, haláganos», afirmou.
O seu compromiso co idioma tamén se deixa ver nos seus vídeos: «Intento falar en galego sempre que podo, e mesmo corrixirme a min mesmo». Na entrevista revelou que pensa estudar formalmente o galego e obter o título CELGA.
A súa escolla de Santiago como cidade universitaria non foi casual: «Elixín esta cidade tamén pola gaita. Quería seguir tocando mentres estudaba Medicina». Entre clase e clase, Daniel atopa tempo para manter viva a súa paixón musical e compartir contido co seu crecente público en redes sociais.
De cara ao verán, planea aumentar a súa presenza escénica: «Quero facer máis actuacións, tanto na miña terra como fóra, e seguir subindo vídeos para chegar a máis xente». Todo isto sen perder de vista o seu obxectivo profesional: «As especialidades que máis me gustan son a cirurxía e a UCI. Aínda que necesítanse notas altas, vou tentalo», sinalou.
Desde o Bierzo, cun pé en Galicia e outro no futuro da sanidade, Daniel Morán é un exemplo de como a tradición e a modernidade poden convivir… e viralizarse.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)