AD

Actualidad

“De cómplices a culpables”: Verea carga contra PSOE e Non Adscritas

today26 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O líder do PP en Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe tras o pleno da cuestión de confianza vinculada aos orzamentos que o PSOE “decidiu manter o goberno de BNG e CA” coa súa abstención, renunciando así a facilitar un cambio político na cidade.

“Chegou o momento da verdade e o PSOE volveu agocharse”, afirmou Verea, quen criticou que os socialistas e As Concelleiras Non Adscritas optasen por permitir a continuidade do executivo en lugar de abrir a porta a “un novo goberno e un novo alcalde para Santiago”.

O líder do PP en Santiago foi especialmente contundente ao valorar a decisión: “Hoxe o PSOE pasa de cómplice a culpable da terrible decadencia que sofre a cidade”, advertiu.

Neste sentido, responsabilizou directamente aos socialistas da continuidade da situación actual, enumerando problemas como “a cidade máis sucia que nunca, o incremento da criminalidade, os peores autobuses de España, a falta de taxis e de vivenda, o estado lamentable das rúas ou a caída do turismo”.

Verea insistiu en que o goberno de Goretti Sanmartín, BNG e CA, “xa demostrou a súa incapacidade” e cualificouno como “unha decepción total”, asegurando que mesmo existe descontento entre os seus propios simpatizantes.

Fronte a esta situación, lamentou que o PSOE e As Concelleiras Non Adscritas decidise non aproveitar a oportunidade aberta coa cuestión de confianza para impulsar unha alternativa, a pesar de que —segundo lembrou— “recoñeceron por activa e por pasiva que este goberno é un desastre”.

O líder popular reafirmou que o PP segue sendo a alternativa e que leva ofrecéndose “desde o minuto un” para liderar un cambio de goberno en Santiago. “Claro que queremos ser alternativa”, insistiu.

Así mesmo, puxo en dúbida que a postura do PSOE represente aos seus votantes, preguntándose se realmente prefiren que Goretti Sanmartín continúe como alcaldesa. Segundo indicou, moitos votantes socialistas están “decepcionados”, tanto co seu partido como co goberno municipal ao que dá soporte.

Por iso, dirixiuse directamente a ese electorado “orfo” para pedirlle apoio ante o que considera unha falta de valentía dos seus representantes: “Se eles non dan esa oportunidade, teremos que buscala nos seus votantes”, afirmou.

Durante a súa intervención, tamén respondeu ás críticas doutros membros da Corporación, defendendo que a súa candidatura como alternativa foi exposta con claridade e cuestionando os argumentos do PSOE. Ademais, ironizou coa actitude da alcaldesa no pleno, ao considerar que actuou máis como “líder da oposición” que como responsable do goberno.

Finalmente, Verea advertiu de que a decisión adoptada polos socialistas terá consecuencias políticas: “Hoxe decidiron manter este goberno e, con iso, asumen tamén toda a responsabilidade pola situación actual de Santiago”.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *