Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 noviembre, 2023
Padrón. 4-11-2023.- O Concello de Padrón convoca a cuarta edición do concurso Nadal na Rúa co obxectivo de animar á veciñanza a decorar os balcóns, ventás, escaparates, fachadas, xardíns ou elementos exteriores do rueiro de todo o municipio padronés, tanto no seu casco histórico coma nas zonas próximas.
O goberno municipal busca enxalzar a beleza do patrimonio arquitectónico da vila nesta tempada de Nadal e dinamizar a participación activa do comercio, da hostalería e da restauración para ofrecer un Padrón máis atractivo tanto para a poboación local como para as persoas visitantes.
O certame repartirá ata 800 euros en premios e establece dúas categorías: empresas e asociacións sen ánimo de lucro, colectivos, entidades culturais ou centros educativos de Padrón.
O período de inscrición está aberto ata o 1 de decembro na Oficina de Turismo tanto de forma física como a través do correo electrónico turismo@padron.gal. A inscrición é de balde. Solicitarase ás persoas participantes que envíen ata 2 fotografías da decoración: unha de día e outra de noite, vía correo electrónico a turismo@padron.gal ata o 12 de decembro de 2023 inclusive.
As decoracións deberán ser visibles dende a vía pública no período comprendido dende o 11 de decembro deste ano ata o 6 de xaneiro de 2024, ambos días incluídos. En ningún caso poderán interromper á actividade cotiá da cidadanía, ocupar a vía pública, nin causar perigo ás persoas, vehículos ou bens.
A contía dos premios de Nadal na Rúa será de 250, 150 e 100 euros, respectivamente, xunto a un diploma para as empresas gañadoras. Mentres que na categoría destinada á decoración realizada por asociacións sen ánimo de lucro, colectivos, entidades culturais ou centros educativos de Padrón contémplase un primeiro premio de 200 euros e un segundo de 100 (ambos tamén con diploma).
En todos os casos a totalidade dos premios deberá ser consumido no comercio e na hostalaría de Padrón no período que vai ata o 30 de xaneiro de 2024. No caso de non gastar todo o premio, ou de non presentar os recibos correspondentes, o Concello solicitará o seu reembolso.
Elección do xurado
O xurado valorará especialmente a creatividade e a orixinalidade na ornamentación; a inclusión de identidade local e o emprego de materiais de refugallos ou eco-sostibles. O 14 de decembro, os seus integrantes visitarán os locais e as entidades participantes para facer a súa valoración e emitirán o seu veredicto unha vez finalizado o concurso.
As bases do concurso e a ficha de inscrición poden descargarse na web do Concello de Padrón (www.padron.gal) e na web de turismo de Padrón. Para máis información, as persoas interesadas deberán achegarse á Oficina de Turismo, enviar un correo electrónico a turismo@padron.gal ou chamar ao teléfono 646 593 319.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)