AD

Actualidad

Denuncian que a ‘desorganización’ no CHUS retrasa probas esenciais a unha paciente oncolóxica

today1 abril, 2026

Fondo
share close
AD

Un comunicado da Asociación de Paciente e Usuarios do CHUS denuncia graves deficiencias organizativas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago que estarían a provocar dano moral e incluso risco físico a unha paciente de cancro, debido a erros na xestión dunha proba diagnóstica clave para o seu tratamento.

O caso refírese a O.R.R., paciente oncolóxica sometida a unha mastectomía en febreiro de 2025, que actualmente se atopa en proceso de valoración para unha reconstrución mamaria mediante técnica DIEP. Tras solicitar unha segunda opinión médica no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, foille prescrita unha anxio-TAC de veas perforantes abdominais, imprescindible para planificar a intervención.

Porén, ao intentar xestionar a proba na súa área sanitaria de referencia, en Santiago, a paciente iniciou —segundo o comunicado— “unha carreira de obstáculos burocrática impropia dun servizo público de saúde”.

Durante varios días, a paciente foi derivada entre distintos servizos —Radioloxía, Cardioloxía e Admisión— sen que ningún puidese identificar nin tramitar correctamente a proba solicitada. Finalmente, e tras máis de dez días de xestións, foi citada para unha proba distinta: un TC de arterias coronarias, alleo á súa necesidade clínica.

O comunicado alerta de que esta situación non só xera ansiedade, incerteza e desgaste emocional nunha paciente especialmente vulnerable, senón que podería derivar nun dano físico ao someterse a unha proba innecesaria.

Ademais, denúnciase unha posible vulneración do Decreto 54/2015 da Xunta de Galicia, que establece un prazo máximo de 15 días naturais para a realización de probas vinculadas a unha segunda opinión médica. Segundo os datos expostos, a paciente xa acumula unha demora superior ao límite legal sen garantías sobre cando se realizará a proba correcta.

Os responsables do comunicado consideran que o caso evidencia “trabas organizativas e amplas esferas á marxe do estado de dereito” dentro do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), que afectan directamente á calidade asistencial e aos dereitos dos pacientes.

Por iso, reclaman a intervención da xerencia e da Subdirección de Humanización e Atención ao Cidadán da área sanitaria de Compostela-Barbanza para resolver de inmediato o caso e evitar que se repitan situacións similares no futuro.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *