AD

Actualidad

Denuncian que un paciente de cancro de pel leva 141 días agardando por unha operación

today15 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o caso de Francisco R.F., un home diagnosticado cun carcinoma basocelular que leva 141 días en lista de espera para unha intervención cirúrxica de prioridade 2, cando a normativa sanitaria establece que este tipo de operacións deben realizarse nun prazo máximo de 90 días.

Francisco, mariño de profesión con máis de tres décadas de traballo en barcos de pesca e ampla exposición solar, fora operado con éxito hai anos dun carcinoma similar no nariz. En febreiro de 2025, detectou novas lesións e acudiu ao seu médico de familia. O 27 de maio foi diagnosticado de novo cun cancro de pel e sometido ás probas necesarias para a intervención, asinando o consentimento informado. Desde entón, asegura non ter recibido ningunha comunicación concreta sobre a data da operación, mentres a lesión foi empeorando visiblemente.

Segundo relata, presentou varias reclamacións por vía electrónica e presencial, sen obter resposta clara. Chegóuselle a indicar que a súa intervención podería realizarse en marzo de 2026, é dicir, dez meses despois do diagnóstico, a pesar da prioridade establecida. Actualmente, Francisco sofre dor, sangrado intermitente e un impacto estético e psicolóxico significativo, temendo que sexa necesaria unha cirurxía reconstructiva máis complexa debido á progresión da lesión.

Ante esta situación, o paciente decidiu facer público o seu caso e presentar unha denuncia formal ante as autoridades sanitarias competentes “en defensa dos seus dereitos e para evitar que outras persoas sufran consecuencias similares”.

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS consideran que este caso non é illado, senón un exemplo máis dun problema estrutural no sistema sanitario galego, no que “os cidadáns se converten en vítimas dunha administración que ignora o criterio clínico”. Critican que “os pacientes non son díxitos nunha lista informática, senón persoas con necesidades físicas e emocionais” e lembran que o dereito á protección da saúde é un dereito constitucional.

O colectivo reclama que se realice con carácter inmediato a intervención de Francisco e que o Servizo Galego de Saúde “respecte as normas que amparan os dereitos asistenciais”, dotando de medios humanos e materiais suficientes para garantir prazos e atención axeitada.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *