Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 marzo, 2026
O xornalista padronés José Antonio Pérez, histórico profesional da información local en Santiago de Compostela, repasou nunha entrevist en Radio Líder Santiago os episodios máis impactantes da crónica negra da cidade, coincidindo coa presentación do seu libro Disfraces. A obra recompila medio século de sucesos e analiza como persoas aparentemente normais poden acabar cometendo crimes de gran repercusión.
Durante a conversa, Pérez destacou que Santiago non é unha cidade especialmente violenta, malia que nos últimos anos houbo casos que conmocionaron á opinión pública. “En cincuenta anos apenas houbo unha vintena de mortos por asasinatos ou crimes graves”, explicou, aínda que recoñeceu que entre 2010 e 2020 produciuse unha concentración de sucesos de enorme impacto mediático, como o roubo do Códice Calixtino, o accidente do Alvia e o crime de Asunta Basterra.
O misterio do ladrón do Códice
Un dos episodios que máis fascinou ao xornalista foi o roubo do Códice Calixtino na Catedral de Santiago. Para Pérez, o perfil do autor segue sendo unha das historias máis sorprendentes da crónica negra compostelá.
“O personaxe que máis me atraía era o ladrón do Códice, o electricista”, confesou, lembrando que antes do roubo da obra xa cometera unha estafa millonaria. Segundo explicou, aquel delito podería considerarse case perfecto: “Tres millóns de euros roubados e ninguén o botou en falta. Era o roubo perfecto, o culmen da delincuencia”.
Por iso, segue resultándolle incomprensible o paso seguinte do ladrón: “Despois de ter o roubo perfecto, comete a torpeza de roubar o Códice, algo que todo o mundo sabía que se ía notar”, relatou. O final da historia tamén resultou sorprendente: o manuscrito non fora vendido no mercado negro internacional, senón que apareceu gardado nun baixo do propio autor, algo que para o xornalista “desluciu totalmente unha historia que parecía de película”.
O día que comezou o caso Asunta
Outro dos momentos máis impactantes da entrevista foi o recordo do inicio do caso Asunta, que Pérez viviu practicamente desde o primeiro minuto.
O xornalista relatou que todo comezou cunha chamada inesperada dunha fonte da Garda Civil mentres estaba na casa. “Eran as nove ou nove e media da mañá cando me chamaron e me dixeron: ‘Prepárate que vai haber un bo lío’”, lembrou.
Nun primeiro momento nin sequera imaxinou a dimensión do sucedido. “Dixéronme que aparecera morta unha rapaza preto das barras americanas. Eu pensei que sería unha traballadora da zona, nunca pensei que fora unha nena”, explicou.
Pouco despois soubo que a vítima era Asunta Basterra, unha menor á que coñecía indirectamente polo seu entorno. “Cando mo confirmaron, fun para a redacción e ao pouco xa chamou Alfonso Basterra para pedir que non se mencionase a Rosario Porto na web”, relatou o xornalista, lembrando un momento que segue resultando estremecedor anos despois.
Por que persoas normais cometen crimes?
O libro Disfraces parte dunha pregunta central: por que persoas aparentemente normais son capaces de cometer delitos graves.
Pérez explicou que durante décadas moitos criminólogos relacionaban estes comportamentos con enfermidades mentais, pero esa teoría perdeu peso co paso do tempo. “Agora os analistas falan de que as persoas normais son as que cometen máis delitos, incluso xente que vive ao noso lado”, sinalou, citando informes recentes sobre o cambio de perfil criminal.
A obra estrutúrase en tres partes: unha análise das teorías criminolóxicas, unha revisión de casos ocorridos en Santiago desde o final da ditadura e unha reflexión sobre a evolución do crime na sociedade actual.
Unha carreira dedicada á información local
Xa xubilado do xornalismo activo, José Antonio Pérez continúa escribindo e preparando novos proxectos. Entre eles figura un libro sobre o contrabando e o narcotráfico en Galicia nas últimas décadas, así como unha novela baseada nas súas propias experiencias profesionais.
Escrito por Líder Redacción
cronica negra disfraces jose antonio perez libro Literatura periodismo Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)