Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 marzo, 2026
O Padroado da Fundación Down Compostela acordou por unanimidade conceder os Premios Down Compostela 2026 ás profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Carol Jean Gillanders e María José Caamaño Rojo, ao CEIP Os Tilos e á empresa Balidea Consulting & Programming polo seu compromiso coa inclusión educativa, social e laboral das persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 20 de marzo ás 19.30 horas na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, nunha gala que volverá ter como protagonistas ás persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual, encargadas de presentar o acto e entregar a escultura creada por Cándido Pazos que simboliza estes premios, que celebran a súa décimo terceira edición.
O evento servirá tamén para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra cada 21 de marzo desde que a ONU instaurou esta data en 2012 para visibilizar e defender os dereitos das persoas con trisomía 21.
O Padroado da Fundación destaca a contribución das profesoras Carol Jean Gillanders e María José Caamaño Rojo polo seu compromiso coa inclusión, a creatividade e a sensibilización social a través do proxecto Cresined, creando sinerxía en educación. Neste marco puxeron en marcha a interpretación de CASE, un conto musicado baseado nunha obra de Peter H. Reynolds que conecta universidade e sociedade nun proceso formativo baseado nunha visión inclusiva e respectuosa coa diversidade.
Pola súa banda, o CEIP Os Tilos foi recoñecido por desenvolver ambientes de inclusión reais nos que o alumnado con necesidades educativas especiais pode desenvolver ao máximo as súas capacidades e habilidades. O centro aposta por novas metodoloxías educativas e cambios organizativos que favorecen unha escola aberta a todo o alumnado.
A Fundación tamén quixo destacar o compromiso coa inclusión laboral da empresa Balidea Consulting & Programming, que incorporou ao seu cadro de persoal a dúas mozas con síndrome de Down. En 2023 contratou a Sara Romero, que actualmente conta cun contrato indefinido, e en 2025 sumouse ao equipo Cristina Abalo, reforzando a aposta da compañía pola igualdade de oportunidades e a responsabilidade social.
Segundo a Fundación Down Compostela, estas iniciativas contribúen a visibilizar as capacidades das persoas con discapacidade intelectual e a facer efectivo o seu dereito ao traballo, promovendo unha sociedade máis inclusiva.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)