AD

Destacado

Dúas persoas rescatadas nun incendio en Santiago cun operativo mínimo

today15 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Un incendio declarado este martes ás 10:45 horas nun edificio de Santiago obrigou á intervención de varios servizos de emerxencias e ao desaloxo de seis persoas, dúas delas trasladadas ao hospital por inhalación de fume. O suceso volve situar no foco a escaseza de persoal no parque de Bombeiros de Santiago, unha reivindicación que os profesionais levan anos denunciando.

Inicialmente desprazáronse ao lugar a Policía Local e os Bombeiros de Santiago, con tan só catro efectivos operativos. Debido á dimensión do incendio e á presenza de persoas no interior, o aviso foi remitido ao 112, que mobilizou dous bombeiros do GES de Brión e tres efectivos de Ordes en tarefas de apoio.

O lume iniciouse na primeira planta, por causas aínda pendentes de determinar. As lapas afectaron principalmente a unha habitación, pero o abundante fume propagouse por todo o edificio, provocando situacións de baixa visibilidade e risco para os residentes.

Dúas persoas tiveron que ser axudadas polos bombeiros a baixar pola escaleira interior. Foron trasladadas en ambulancia con síntomas de inhalación de fume, aínda que sen gravidade. Outras catro persoas conseguiron abandonar o inmoble polo seu propio pé.

Tras a intervención, fontes do servizo recordaron que esta emerxencia deixa en evidencia unha situación que consideran «insostible»: “Santiago non conta co persoal necesario nin para garantir unha única intervención con total seguridade. Seguimos atendendo emerxencias co cadro mínimo, xogándonos nós e xogándose a veciñanza”, afirman.

Os bombeiros reclaman un incremento urxente do cadro de persoal, que permita cubrir as quendas con equipos completos e responder con eficacia a varias incidencias simultáneas. “Hoxe houbo sorte e puidemos rescatar ás persoas afectadas, pero non podemos depender só da profesionalidade e do esforzo dos poucos que estamos”, engaden.

A investigación continúa aberta para determinar a orixe do incendio.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *