Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 abril, 2026
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2026. Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago de Compostela acollerá mañá xoves, 9 de abril, ás 20:00 horas, a primeira presentación de ‘Asasinato no muíño do cura’, a nova novela de Arantza Portabales, que sae ese mesmo día á venda.
O encontro terá lugar na planta baixa do centro e contará coa presenza da autora, que estará acompañada por Laura Lojo, catedrática de Filoloxía Inglesa, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia. Ao remate do acto, Arantza Portabales asinará exemplares da obra.
Un novo caso en Loeiro
Con Asasinato no muíño do cura, Portabales retoma o universo da serie “Os crimes de Loeiro”, protagonizada pola detective Iria Santaclara e o comisario xubilado César Araujo. Nesta nova entrega, a autora lévanos de volta a Loeiro, onde unha brutal matanza ocorrida no ano 1984 no muíño do Cura proxecta a súa sombra ata o presente.
A chegada de Alba Mariño, decidida a recuperar unha verdade que lle foi ocultada, activa unha investigación que comezará a romper o pacto de silencio da vila. Xunto a Sinda, coñecida como “a Gestapo”, Santaclara e Araujo enfrontaranse ás irmás Freijomil e ao antigo caso sen resolver da morte da pequena Berta, nun relato de crecente tensión que avanza cara a un final tan trepidante como revelador.
Sobre a autora
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) debutou na narrativa en 2015 con A Celeste la compré en un rastrillo e obtivo ese mesmo ano o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia con Sobrevivindo. En 2017 publicou Deixe a súa mensaxe despois do sinal, novela traducida a varias linguas, adaptada ao teatro e recoñecida co Premio Novela Europea do Casino de Santiago.
Consolidouse no xénero negro con títulos como Beleza vermella (2019) e A vida secreta de Úrsula Bas (2021). En 2023 publicou O home que matou a Antía Morgade e, en 2024, inaugurou a serie “Os crimes de Loeiro” con Asasinato na casa rosa.
Entrada libre ata completar aforo.
Máis información sobre esta e outras actividades culturais pode consultarse en www.ambitocultural.es e na sección de Eventos da web de El Corte Inglés de Santiago de Compostela: www.elcorteingles.es/
Escrito por Líder Redacción
arantza portabales el corte ingles escritora Literatura novela Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)