Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 febrero, 2026
• A UTE formada polas empresas padronesa e madrileña presentou a oferta máis baixa e un prazo de execución de 6 meses
• A Xunta de Goberno Local ratificará o vindeiro martes a proposta que fixo hoxe a mesa de contratación
• Cinco firmas presentáronse á licitación promovida polo Concello
Padrón. 13-2-2026.- A UTE formada pola empresa padronesa Elite e a madrileña Consvial será a encargada de construír a nova escola infantil de Padrón, segundo o acordo que hoxe tomou a mesa de contratación, que adxudicou a obra a esta unión temporal de empresas de entre as cinco que se presentaron á licitación. As dúas firmas comprométense a reformar o edificio nun prazo de seis meses e cun orzamento de 789.314,31 euros, lixeiramente inferior aos 800.000 que tiña asignados o Concello como máximo.
A Xunta de Goberno Local de Padrón ratificará o vindeiro martes a proposta de adxudicación da mesa de contratación, que seleccionou a oferta de Elite e Consvial como a mellor das cinco presentadas. A esta proceso de licitación público e transparente tamén se presentaron outras catro empresas, “o que demostra o interese a solvencia do proxecto”, indicou o alcalde, Anxo Arca. En concreto, tamén presentaron ofertas Construcciones Iglesias Mera, Elecnor Servicios y Proyectos, Mármoles Orosa Miguel e Obras Excavaciones Construcciones Caamaño.
Ao coñecer a proposta da mesa de contratación, o alcalde resaltou que na unión temporal de empresas adxudicataria figure unha firma padronesa. Anxo Arca criticou que cando todo o mundo sabía que a reforma do edificio estaba en licitación “se difundisen mensaxes alarmistas” sobre a escola infantil. “Fronte ao ruído interesado, o Concello optou por seguir avanzando, con discreción e responsabilidade, cara a unha solución definitiva”, afirmou Anxo Arca.
Unha vez rematadas as obras, “Padrón vai ter unha escola infantil do século XXI, concibida para ofrecer espazos dignos, accesibles, saudables e plenamente adaptados ás necesidades educativas actuais, tanto das crianzas coma dos profesionais que traballan nela e das familias”, engadiu Anxo Arca.
O alcalde volveu recordar que a decisión do actual equipo de goberno socialista “resulta da responsabilidade ineludible” da reforma integral do centro, ante a situación do edificio anterior. Anxo Arca lembra os informes técnicos municipais nos que se advertía da existencia de condicións inadecuadas para a prestación do servizo no vello edificio.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)