Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 diciembre, 2025
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, remitiu este xoves unha carta á militancia na que expresa “profunda tristeza, indignación e repugnancia” polas informacións coñecidas nas últimas horas sobre un presunto caso de acoso no seo do partido na provincia de Lugo. O dirixente socialista subliña que o PSdeG “nunca mira cara outro lado” e que xa activou todos os mecanismos internos para investigar con rigor os feitos.
Na súa misiva, Besteiro lanza unha mensaxe directa ás posibles vítimas, ás que garante “afecto, respaldo e solidariedade”. “Defender ás mulleres fronte a calquera forma de violencia non é unha consigna: é unha convicción que nos define. Caia quen caia. Sen excepcións. Sen fisuras. Tolerancia cero”, salienta.
O líder dos socialistas galegos lembra que José Tomé solicitou a súa suspensión de militancia, presentou a dimisión como presidente da Deputación de Lugo e abandonou todos os grupos socialistas. “Era o que debía facer. Era o que tiña que facer. E é tamén o que lle esiximos neste partido, xunto á entrega das actas”, afirma Besteiro, quen recalca que a exemplaridade “non é un xesto retórico, senón unha obriga ética”.
Besteiro tamén aclara que o partido non ten acceso a ningunha denuncia presentada pola canle específica contra o acoso, xa que o protocolo garante un “anonimato absoluto”. Esa confidencialidade —engade— é necesaria para que as mulleres poidan denunciar con seguridade e no momento no que decidan facelo. Por iso pide “respecto para quen sufriran estes feitos” e confianza no Órgano contra o Acoso, que actuará “con independencia e garantías totais”.
Co obxectivo de garantir a estabilidade interna, o PSdeG solicitará á Executiva Federal o nomeamento dunha Comisión Xestora na provincia de Lugo. “Faremos, unha vez máis, o que sempre fixemos: actuar con serenidade, con firmeza e mirando de fronte aos problemas”, indica.
Besteiro anuncia ademais que a dirección do PSdeG se reunirá mañá para abordar esta situación, tras unhas horas que cualifica de “intenso traballo”. Ao remate dese encontro, realizará declaracións públicas.
O secretario xeral conclúe a carta recoñecendo que non son días fáciles para a organización pero reivindica o orgullo dun partido que “non cala, non se agocha e non se amedrenta”. “Defendemos a igualdade porque é a razón mesma da nosa existencia. Porque é o que somos”, afirma, agradecendo á militancia o seu compromiso e chamando a seguir avanzando “na defensa dos nosos valores”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)