Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
• A música será un ano máis a gran protagonista e eixe central duns festexos que se celebran do 27 de marzo ao 12 de abril
• 9Louro actuará o domingo de Pascua ás 21.00 horas e Nueva Línea, o venres de Pascuilla ás 23.30
• París de Noia, Panorama, Olympus, Los Satélites e La Fórmula lideran o cartel de actuacións xunto ás orquestras locais Unión y Fuerza, Charleston, e os grupos Máster, Atenas e UF75
• A programación está pensada para todos os gustos e idades, incluíndo noites dedicadas á mocidade con DJs e tamén citas coa música clásica da man das tradicionais bandas
Padrón. 18-3-2026.- O Concello de Padrón entra na conta atrás para a celebración das agardadas Festas de Pascua, que se desenvolverán do 27 de marzo ao 12 de abril e que un ano máis chegan cun ambicioso programa musical de primeiro nivel que se desenvolverá en distintos puntos da vila a partir do 4 de abril.
O mesmo día do pregón, o sábado de Pascua, tras dar Terio Carrera o pistoletazo de saída aos festexos (praza de Macías 21.00 horas), as verbenas comezarán coas actuacións de Olympus (22.00 na praza Fondo de Vila) e Unión y Fuerza, orquestra padronesa de referencia no paseo do Espolón (23.30).
O domingo de Pascua xa será a quenda dun dos pratos fortes desta edición: o artista revelación da música en galego 9Louro. O rapeiro muradán de 22 anos é un dos referentes da música urbana galega e actuará na praza de Macías ás 21.00 horas, nunha velada que se completará co espectáculo da orquestra Panorama (23.00, Fondo de Vila) e que rematará á unha da madrugada co DJ Matrek Show no paseo do Espolón. Ao mediodía Mekanika Rolling Band animará as rúas da vila coa súa música.
O luns 6 de abril a Pascua traerá a Padrón outras dúas formacións emblemáticas: Los Satélites, orquestra con máis de 80 anos de traxectoria que actuará ás 21.00 horas no recinto ao lado da gardería, e París de Noia, que desde 1957 marca a diferenza co seu escenario móbil de última xeración e pechará a xornada ás 00.00 h en Fondo de Vila.
Ao día seguinte, martes de Pascua, a verbena correrá a cargo da orquestra local Charleston Big Band (21.30, no recinto ao lado da gardería) e da Panorama City (desde as 00.00 h en Fondo de Vila).
O 10 de abril, venres de Pascuilla, chegará outra das fichaxes estrela das festas deste 2026: Nueva Línea, a orquestra canaria que xa escoitaron 40 millóns de persoas nas redes sociais e que poderemos ver en directo ás 23.30 horas no paseo do Espolón. A intensa xornada musical comezará ao mediodía coa sesión vermú do padronés Grupo Máster (13.00, paseo do Espolón); continuará coa verbena da orquestra galega Marbella (22.00, Fondo de Vila), antes da actuación de Nueva Línea, e rematará no paseo do Espolón coas propostas de música electrónica de Open Air protagonizadas por Dumore e DJ Places, a partir das dúas da madrugada.
Xa o sábado de Pascuilla, a música seguirá enchendo as rúas de Padrón coas actuacións dos padroneses UF75 na sesión vermú (13.00 horas, praza de Macías) e a verbena estará amenizada polo grupo local Atenas (20.30, no recinto ao lado da gardería) e a orquestra La Fórmula (22.30, Fondo de Vila). A maiores, as sesións de Remember 90’s-2000’s e Jorge Álvarez no Open Air garanten unha festa completa ata a madrugada.
O domingo de Pascuilla, xornada na que as festas máis senlleiras de Padrón se despedirán ata o ano que vén, o público aínda poderá gozar das últimas citas musicais desta Pascua 2026. Capitol (20.00 horas na praza Fondo de Vila) e Assia (23.00 no recinto da gardería) serán as encargadas de pechar por todo o alto uns festexos que volverán deixar no recordo inesquecibles noites de festa e diversión.
Cita coa música clásica grazas ás bandas
Desde o Concello de Padrón búscase ofrecer unha programación musical pensada para todos os gustos e idades, combinando modernidade e tradición. De aí que, xunto coas mellores orquestras de Galicia e a aposta polos novos talentos e propostas musicais de moda, nas Festas de Pascua tamén serán protagonistas coma sempre as nosas bandas.
Así, o domingo de Pascua, 5 de abril, poderemos gozar coa actuación da Banda de Música de Padrón (13.30 horas, praza de Macías); sendo a quenda o luns 6 de abril para a Banda Municipal de Santiago e, o día 7, para a de Rianxo. O 12 de abril, domingo de Pascuilla, a praza de Macías acollerá ás seis da tarde o tradicional Festival de Bandas Capital do Sar, outra das citas senlleiras da Pascua que este ano celebra 15 anos convertido nun referente no calendario galego. Nesta edición tocarán as bandas de Merza, Castrelo-Cambados e a de Padrón.
O amplo, variado e ambicioso programa de orquestras e actuacións reflicte o compromiso do Concello de Padrón por manter viva a tradición festiva da vila, atraendo a veciñanza e visitantes con espectáculos de primeiro nivel e convertendo a vila nun punto de encontro festivo imprescindible en Galicia.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)