Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 abril, 2026
A VI edición de TeoAuto arrinca este xoves no Milladoiro, consolidada como unha das grandes citas do motor na contorna de Santiago. Durante catro días, ata o domingo, oito concesionarios da zona unirán forzas para ofrecer máis de 1.000 vehículos entre coches novos, quilómetro cero e de ocasión, con condicións especiais e importantes descontos.
A feira abrirá as súas portas este xoves ás 10:00 da mañá, en horario ininterrompido ata as 20:00 horas, e desenvolverase nas instalacións dos propios concesionarios, o que permite ofrecer unha atención máis directa e personalizada ao cliente. Ademais, ás 13:00 horas terá lugar o acto oficial de inauguración en Minoautos Multimarca, coa presenza da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e outras autoridades municipais.
Nesta edición participan Compostela Motor SEAT e Cupra, V-Auto, Dimolk Peugeot, Antamotor Nissan, Compostela Móbil Toyota, Minoautos Multimarca, Estrella Milladoiro e SiBuscasCoche, configurando unha oferta ampla, con vehículos novos, quilómetro cero e de ocasión para diferentes necesidades e perfís de cliente.
Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, Elena Pazos, responsable de vendas de Compostela Motor SEAT e Cupra, definiu TeoAuto como “algo máis que unha feira de coches”, destacando o valor diferencial dunha cita que se celebra directamente nos concesionarios.
Neste sentido, Pazos pon en valor esa atención personalizada e explica que en TeoAuto o cliente “está cómodo, sentado co seu asesor, que lle axuda a atopar o coche que realmente necesita”, fronte a outros formatos máis masificados.
Ademais, subliña que a feira ofrece condicións especiais e descontos, converténdoa nun momento especialmente atractivo para a compra.
Segundo sinala, a clave está no asesoramento nun momento no que a decisión de compra é cada vez máis complexa. “Non se trata de seguir modas, senón de escoller o coche que mellor se adapte ás túas necesidades”, apunta, facendo referencia ás múltiples opcións dispoñibles, desde gasolina e diésel ata híbridos e eléctricos.
Neste sentido, insiste en que o máis importante é analizar o uso real do vehículo. “Non é só cantos quilómetros fas, senón como os fas no día a día”, explica.
Outro dos aspectos que destaca é o servizo de posvenda. Pazos subliña que “non se trata só de mercar o coche co mellor desconto, senón de saber que despois hai un concesionario que vai responder”, poñendo en valor a importancia do acompañamento tras a compra.
En canto ao perfil do visitante, a feira combina tanto persoas que acoden a informarse como compradores que xa levan tempo analizando opcións e que aproveitan estes días para pechar a operación coas mellores condicións. De feito, unha parte importante das vendas realízanse con clientes que xa iniciaran previamente o proceso.
As expectativas para esta sexta edición son altas, tras varios anos de crecemento tanto en visitas como en vendas. “Cada ano fomos mellorando e mesmo están a chegar solicitudes de información de toda España», sinala.
Ademais, lembra que a información sobre a feira e os contactos dos concesionarios están dispoñibles na web e nas redes sociais de TeoAuto, desde onde os clientes poden informarse ou solicitar ofertas.
Pazos tamén pon en valor o ambiente da cita e asegura que será “unha feira con todas as da lei”, con servizo de pulpeiro e outras sorpresas para o público.
Con todo, desde a organización animan a achegarse ao Milladoiro durante estes catro días para coñecer a oferta, comparar opcións e aproveitar as condicións especiais nunha cita que xa é referencia no sector.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)