AD

Actualidad

Esther Martínez, FANPA Compostela: “Antes que evitar o móbil, é mellor preparar, educar e acompañar”

today22 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • A presidenta de FANPA Compostela, Esther Martínez, chama a formar e apoiar ás familias no uso responsable das tecnoloxías e presenta a xornada “Móbiles con sentido”, que se celebra este sábado na Facultade de Filoloxía da USC

A Federación de ANPAS Compostela (FANPA Compostela), en colaboración con ANPAS Galegas, organiza este sábado 25 de outubro a xornada aberta “Móbiles con sentido: acompañar e educar a adolescencia no seu uso”, que se celebrará na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, de 10:00 a 13:30 horas.

O encontro, con acceso libre mediante inscrición previa, reunirá especialistas en Psicoloxía, Educación Social e saúde emocional para abordar un dos retos máis complexos da crianza actual: o uso das pantallas e dos teléfonos móbiles entre adolescentes.

En declaracións a Radio Líder, a presidenta de FANPA Compostela, Esther Martínez, explicou que a iniciativa xorde “porque nas familias detectamos unha certa alarma arredor do uso dos móbiles, sobre todo polo acceso a contidos inapropiados, á desinformación ou a situacións de acoso”.

Porén, Martínez insiste en que o obxectivo da xornada é ofrecer un enfoque construtivo: “Antes que evitar o móbil, é mellor preparar, educar e acompañar. O acceso vai ocorrer antes ou despois, sexa cun dispositivo propio ou alleo, por iso é importante aprender a acompañar desde o diálogo e a confianza”.

A presidenta da federación defende que o debate debe ir máis alá da idade na que se entrega o primeiro teléfono: “Cada familia é distinta, cada neno e cada nena teñen un desenvolvemento e unha madurez diferentes. Non hai respostas únicas para cuestións complexas”.

A xornada contará coa conferencia inaugural “Ser en Internet: adolescencias e vínculos na era dixital”, a cargo do psicólogo clínico Ricardo Fandiño Pascual, e cunha mesa redonda moderada pola xornalista Laura Veiga, baixo o título “Móbiles e TICs nas familias, SOS! Unha ollada profesional”. Participarán Sonia González Rodríguez, presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia; Belén Montesa Lou, vicepresidenta da sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; e Concepción Estévez Villar, presidenta de ASEIA.

Martínez salienta tamén a necesidade de promover unha alfabetización dixital crítica tanto nos centros educativos como nos fogares: “Non podemos pretender que a rapazada volva aos xornais, pero si podemos ensinarlles a facer unha lectura crítica do que consumen nas redes e a contrastar a información”.

A participación na xornada é libre e gratuíta, mais require inscrición previa a través do formulario dispoñible neste enlace. As familias que o precisen poderán acceder a un servizo de ludoteca gratuito para crianzas de 3 a 12 anos.

Con esta iniciativa, FANPA Compostela —que agrupa a máis de 80 ANPAS de Santiago e da súa contorna— quere ofrecer un espazo de encontro e reflexión arredor dun dos debates máis actuais na educación: como acompañar á adolescencia no uso das tecnoloxías dixitais.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *