AD

Actualidad

Éxito da Festa do Salmón con 5.500 racións vendidas na degustación popular

today19 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

A Festa do Salmón, o evento gastronómico por excelencia do Concello da Estrada, abriu este domingo unha nova etapa na que, emulando o número de parroquias que compoñen o municipio, o goberno local deu en chamar a edición “50+1”. Aproveitando a inicio da súa segunda metade de século, foron varios os cambios introducidos no formato da celebración, comenzado por devolvela ao pé do consistorio e aproximala ao Teatro Principal, onde se celebra a parte máis institucional e solemne da festa. O que se mantivo invariable foi o tirón que o saber facer dos restauradores locais teñen consolidado para conquistar, coas súas moitas propostas culinarias, os padais máis esixentes, empregando o salmón como ingrediente protagonista.

O respaldo do público -o ambiente xerado espallou a festa por todo o entorno da Praza da Constitución e a alameda municipal, aproveitando as mesas dispostas ao efecto- foi o máis elevado dos últimos anos, facendo que se distribuíran 5.500 racións de Salmón e que varios restauradores esgotaran existencias.

O primeiro festeiro deste ano foi o ‘campanu’ do Ulla, aínda que tivera que ser inmortalizado nunha escultura que apareceu, por sorpresa, na Praza da Constitución. Baixo a carpa de gran formato instalada nesta localización desenvolveuse a festa este ano, ambientada pola Banda de Música Municipal da Estrada primeiro e pola BigBand Carlos Barruso, despois.

Foi neste enclave onde se deron cita tamén as autoridades que se sumaron nesta edición ao pregón e imposición das insignias Salmón de Ouro. Co alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, exercendo de anfitrión, o evento contou coa participación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a conselleira de Vivienda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director xeral de Agricultura, Gandaría e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; a deputada de Turismo, Nava Castro; o deputado de Cultura e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela ou os rexedores de Vedra e Teo, xunto cunha ampla representación do goberno local e da corporación municipal, entre outros.

Pregón e Salmóns de Ouro

O Teatro Principal agardou polo pregoeiro e as autoridades completamente cheo. O programa fiado por Xosé Lueiro como mestre de cerimonias -escolleu para o arranque versos de Avelina Valladares no bicentenario e Ano Cultural- non tardou en chamar ao actor Xosé Antonio Touriñán, que afrontou o patio de butacas máis cheo e entregado dos que se lembran nos últimos anos. Co humor que o caracteriza, Touriñán dixo que ía seguir no pregón o seu “método”, completamente alleo aos protocolos.

“Para ser alcalde da Estrada hai que ser grande, supoño que é para coller as mazás”, dixo Touriñán, permitindo entrever que cumpriría coa súa intención. De seguido, sinalou que A Estrada “ten o récord Guinness de marcos”, en alusión ás súas 51 parroquias. Decidiu ler o nome de todas elas e que o público asistente fose reaccionando cando escoitase a súa. E con esta aposta localista meteu a todos os veciños no peto.

O humorista e xa afamado actor comparou o salmón co emigrante galego, que “sempre volve”, e animou a protexer o medio ambiente e o río. Tivo tamén propostas en clave de comedia, como a de que cada estradense apadriñe un salmón para afondar na súa recuperación.

Moita emotividade

Despois de que o conselleiro de Cultura e o alcalde lle fixeran entrega da insignia Salmón de Ouro e da placa de pregoeiro, tocou entregar este recoñecemento ao CD Estradense, de mans de Gonzalo Louzao. O presidente do club, Toño Camba, agradeceu o xesto nun ano histórico para a entidade que preside, enmarcado na conmemoración do seu centenario.

Foi despois a quenda de Rosaura Leis Trabazo que, tras serlle imposta a insignia, fiou un emotivo discurso centrado na súa propia lembranza daqueles primeiros anos da Festa do Salmón como nena que medrou nun negocio hostaleiro da sona de Casa Trabazo. A catedrática en Pediatría louvou tamén as virtudes saudables e sostibles do salmón, como expoñente que é da dieta Atlántica, e confesou o infindo amor que sente pola súa terra estradense e que espalla polos moitos congresos internacionais nos que participa.

E tamén cheo de emotividade e sensibilidade foi do discurso de José Manuel Besteiro no momento en que recolleu o Salmón de Ouro no nome do Centro Cultural do Partido da Estrada en Bos Aires (Arxentina). Lembrou o nacemento da entidade aló polo 1943, con Castelao presenciando a aprobación dos seus estatutos. Pasou a falar no galego que lle ensinaron seus pais e desexou que, nesa autoestrada que hai entre Galicia e a Arxentina haxa sempre “un carril rápido entre A Estrada e Bos Aires”.

Festa, cultura, historia e idiosincrasia

O último en intervir foi o alcalde da Estrada. “O salmón na Estrada é festa, si, pero sobre todo é cultura, é historia e é idiosincrasia”, dixo Gonzalo Louzao, pondo o acento na solemnidade desta celebración. “O salmón reclamou para si o trono do Ulla hai moitos anos. Esa elevada poboación que tinguía de prata as augas deste cantareiro río é hoxe un recordo lonxano, pero tamén o aval histórico para esta esta festa. Porque coa pesca do salmón comenzou todo o que nos trae aquí hoxe”, continuou. “O salmón leva a coroa, pero foi o saber facer dos restauradores da Estrada o que lle deu sona”, engadiu. Aludiu seguidamente á mestría dos restauradores para mimar o salmón como materia prima ata “sentar cátedra”. “O río deunos o motivo e a fama, pero a lenda houbo que cociñala a fogo lento ao longo de todos estes anos”, sinalou.

O alcalde estradense citou como “ingredientes” da Festa do Salmón o río, a pesca (e o propio peixe), a cociña salmoneira e o desexo de aderezar sempre a Festa do Salmón “co prestixio dos seus pregoeiros e personalidades distinguidas coas insignias Salmón de ouro”. Despois de dedicar palabras cargadas de emoción a cada un deles, o rexedor quixo referirse á nova etapa da Festa do Salmón que comeza andar. “De nós depende engrandecela, escribir en prata a súa lenda e render verdadeiro tributo a ese salmón que a historia e o río nos regalaron a todos os estradenses para que puideramos construir con el todo un legado”, remarcou o mandatario local.

Rematada a parte institucional da festa, a degustación do salmón reclamou todo o protagonismo. A disposición de mesas e puntos para saborealo en todo o entorno da praza permitiu espallar o ambiente festivo, ademais de facilitar a comodidade e mobilidade á hora de probar as 20 variedades dispostas polos 12 restauradores que a secundaron este ano. Varios deles esgotaron existencias, ampliadas este ano en previsión de superar asa previsións iniciais.

Ás 15.00 horas a BigBand Carlos Barruso interpretou os últimos temas. Aínda continuaba o despacho das últimas racións. O cartel para a tarde chegou coa música como eixo central, da man da Coral Polifónica Estradense e da Orquestra París de Noia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *