Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 febrero, 2026
Houbo un tempo no que as discotecas comarcais eran moito máis que lugares para bailar. Foron espazos de encontro, socialización e celebración para toda unha xeración que medrou entre os anos 80 e 90. Ese imaxinario colectivo é o punto de partida de Disco Comarcal, o novo LP de oito cancións de Familia Caamagno, banda de Sigüeiro que este 2026 celebra quince anos de traxectoria.
O grupo presenta mañá en Santiago de Compostela, na Sala Capitol, a partir das nove da noite, un disco que pon o foco no papel social que xogaron as discotecas comarcais, hoxe pechadas, e que tamén mira ás festas dos pobos como espazos centrais da vida social. “As discotecas eran lugares case iniciáticos, aos que se peregrinaba relixiosamente todos os sábados pola noite, mesmo desde moi lonxe”, explica Manu Tarrío nunha entrevista en Radio Líder Santiago.
Disco comarcal constrúese como unha colección de retratos. Hai cancións que evocan locais, personaxes e tamén días moi concretos, como o día da festa, narrado “desde a mañá ata a hora de peche do baile”. Para Tarrío, aqueles espazos cumprían unha función moi semellante á que hoxe exerce o teléfono móbil: “Alí escoitábase música, falábase cos amigos, ligábase… todo iso que hoxe facemos co móbil”.
A idea do disco xurdiu no local de ensaio, a partir dunha composición cun claro aire disco. “Alguén empezou a tocar algo e pensamos: isto soa moi disco, soa a Studio 54. E a partir de aí decidimos aproveitar esa feitura para falar das discotecas”, relata. Aínda que as letras fan referencia sobre todo aos primeiros anos 2000, pola idade dos membros da banda, o imaxinario conecta tamén co esplendor destes locais en décadas anteriores. Un dos videoclips foi gravado na antiga discoteca El Vergel, na Ponte Carreira, un espazo emblemático da comarca de Ordes que viviu o seu auxe nos anos 70.
No plano musical, o propio Tarrío define Disco comarcal como o seu traballo máis ambicioso ata o de agora. “Atrevémonos a abrir o abano”, explica, combinando cancións de corte máis pop e vintage con temas máis próximos ao rock contemporáneo e ao power pop, algúns dos cales “non terían cabida noutro disco de Familia Caamagno”.
O proceso de creación do disco estivo marcado polos tempos reais da banda. As cancións foron tomando forma en ensaios nocturnos, os martes e xoves, entre as nove da noite e a unha ou dúas da madrugada, mentres que moitas letras se escribiron pola mañá, antes de ir traballar. “Cada un temos os nosos traballos fóra do grupo, e iso fai que compoñamos fóra dos horarios habituais”, explica Tarrío. A composición é colectiva: alguén leva unha idea ao local e, a partir de aí, “dámoslle moitas voltas entre todos”.
Sobre a evolución da banda, Tarrío lembra que Familia Caamagno naceu en 2011 como un grupo de cinco amigos de Sigüeiro que comezaron facendo versións. “Adaptabámolas ao galego e á nosa idiosincrasia, pero chegou un momento no que dixemos: temos que facer cancións propias”, relata. O obxectivo era poder tocar fóra da comarca de Ordes, unha meta que chegou antes do esperado. “Ao longo destes anos fomos navegando entre décadas musicais: empezamos máis apegados aos 60, pasamos polos 70, polos 90, polos 2000… ata chegar a Disco comarcal, que é unha amalgama de todo iso”.
A presentación de mañá na Sala Capitol foi concibida como unha data única. Para esta presentación, a banda apostou por un formato diferente. “Arranxamos algunhas das cancións para ventos, teclado e sintetizador, non todas, pero si unha boa escolla”, explica Manu Tarrío, que adianta que temas que levan anos tocando poderán escoitarse nesta ocasión cun son completamente distinto. No escenario estarán acompañados por A Orquestra do Quince, e como banda convidada actuará Ulex.
Tras o concerto, a celebración continuará cunha post-festa na sala Riquela, con sesión das DJ Pídechas o Corpo, que pinchan en vinilo. Para acceder á post-festa será preciso presentar a entrada do concerto, ata completar aforo.
“Diversión e baile son a nosa sinal de identidade e o que nunca queremos perder”, resume Manu Tarrío. Unha noite pensada para celebrar a música en directo e unha forma de entender a festa que marcou a memoria colectiva de varias xeracións.
Escrito por Líder Redacción
Disco Comarcal Familia Caamagno Manu Tarrío Manuele Caamagno


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)