Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Rois. 3-5-2024. Juan Manuel Calvo Agrasar, responsable da coñecida taberna O Pemento de Seira, será este ano o protagonista da homenaxe coa que Rois premia a traxectoria dun veciño co gallo da celebración das festas patronais do Santo Isidro. Os festexos, que terán lugar os días 15 e 16 de maio, volverán xuntar á veciñanza no polideportivo de Rois no tradicional e concorrido xantar popular, ademais de contar coas actuacións das orquestras La Fórmula e Charleston Big Band.
Os actos para celebrar o Santo Isidro iniciaranse ás nove da mañá do propio día do patrón, mércores 15 de maio e festivo local. Farano con bombas de palenque e alborada polas rúas de Urdilde e de Rois con integrantes da agrupación de música tradicional OCT Chorima.
Logo da misa solemne e da procesión, programadas para as 13.00 horas, os festexos trasladaranse ao pavillón de Rois. Alí, o alcalde Ramón Tojo presentará a festa para darlle paso ao pregón, que nesta ocasión lerá o árbitro roisense Enrique José Ramos Ferreirós, asistente en Primeira e Segunda División ao longo de case dúas décadas.
Chegará a continuación o acto da Homenaxe do Santo Isidro Labrador a Juan Manuel Calvo Agrasar, co que Rois recoñece á súa dedicación á taberna O Pemento, en Seira. Tamén se lle entregará o premio de carteis a Lara Barreiro López, gañadora do concurso do Santo Isidro e autora, polo tanto, da ilustración que anuncia os festexos deste 2024.
Entradas para o xantar popular ata o día 10
Serán os prolegómenos do xantar popular que, no polideportivo de Rois, de seguro volverá congregar centos de veciños con ganas de desfrutar dunha xornada de convivencia. Para participar neste xantar, as persoas interesadas deberán retirar as súas entradas na Casa do Concello antes do 10 de maio. O prezo, que deberán aboar previamente na conta 𝐄𝐒𝟔𝟒 𝟐𝟎𝟖𝟎 𝟎𝟑𝟐𝟖 𝟗𝟔𝟑𝟏 𝟏𝟎𝟎𝟎 𝟎𝟎𝟔𝟎, é de 5 euros para os menores de ata 10 anos empadroados en Rois, de 10 euros para o resto da veciñanza e de 25 euros para persoas residentes noutros municipios.
Na sobremesa, a celebración proseguirá coa actuación do Dúo Son II e con inchables e xogos populares para cativada e familias.
As persoas que asistan a estes actos terán á súa disposición espazo para aparcar no patio do colexio dos Dices, contiguo ao pavillón.
A gran verbena das Festas do Santo Isidro 2024 desenvolverase o xoves 16 de maio. As orquestras La Fórmula e Charleston Big Band alternaranse no campo da festa de Rois para animar a madrugada a partir das 23.00 horas, xusto na véspera do festivo das Letras Galegas.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)