AD

Actualidad

Fidel Buceta, presidente das Festas da Ponte (Padrón): «As Cucañas deberían ser de Interese Turístico»

today1 agosto, 2025

Fondo
share close
AD
  • A celebración, que ten lugar os días 15 e 16 de agosto na honra a San Roque, aposta pola tradición, o xogo comunitario e o atractivo turístico dunha vila que busca o recoñecemento institucional para as súas históricas e centenarias cucañas.

As Festas da Ponte, no concello de Padrón, regresan este mes de agosto cunha programación chea de tradición, participación e espírito comunitario. Os días grandes serán o 15 e 16 de agosto, pero o arranque oficial será o día 9 co xa emblemático Campionato de Estornela, que este ano alcanza a súa 16ª edición e serve tamén como memorial a Pedro Jamardo, figura clave nas festas.

“Era unha persoa incombustible. Facer o memorial na honra a el é algo que sentimos como xusto”, explicou Fidel Buceta, presidente da Comisión de Festas, quen lidera un equipo de veciños entregados á organización do evento.

A programación contempla xogos tradicionais, animación infantil, música ao vivo, actividades multixeracionais e, como non, o gran espectáculo das cucañas: unha proba de destreza sobre unha vara embadurnada de sebo que sae dun barco, na que os participantes deben capturar unha bandeira sen caer á auga. Esta actividade, singular en Galicia, atrae cada vez a máis curiosos, peregrinos e medios de comunicación.

“O ano pasado chegou un grupo de Corea facendo o Camiño de Santiago que nos enviou fotos vendo as cucañas. Foi impresionante”, contou Buceta, quen tamén puxo sobre a mesa a necesidade de recoñecer esta proba como un “evento de interese turístico”.

Festas que son moito máis ca verbena

A organización aposta por un modelo de festa limpa, familiar, sen botellón e con actividades durante todo o día. “Queremos que se poida bailar sen mirar onde se pisa, que os nenos xoguen tranquilos. A convivencia durante o día crea vínculos que logo se notan na verbena da noite”, destacou Buceta.

O cartel musical deste ano estará encabezado por Dilema e Euphoria o día 15, mentres que o 16 será a quenda de Unión y Fuerza, veciños de Erbón, e La Banda de Ayer, que repiten tras o éxito do ano pasado.

Tampouco faltarán os xogos de sempre: carreira do ovo, do saco, tiro da corda ou os clásicos «solteiros contra casados», actividades onde participan familias enteiras e diferentes xeracións, coa colaboración habitual dun veciño do pobo, Manuel Solla. Todo isto nun ambiente festivo que xa conta cunha traxectoria centenaria documentada dende 1919.

“Estas festas non só unen á xente, senón que son un espello da cultura galega máis viva. Se deixamos morrer isto, perdemos identidade”, advertiu Buceta.

A Comisión de Festas tamén fixo un chamado a un maior apoio institucional, especialmente da administración local e do Xacobeo, xa que A Ponte está situada en pleno Camiño de Santiago. “Hai moitas festas grandes con apoio, pero as das aldeas pequenas estamos sufrindo para manter a tradición viva”, asegurou.

“As festas patronais son como o Nadal: datas nas que nos reencontramos. Se desaparecen, tamén desaparece unha parte da nosa vida social e cultural”, concluíu Buceta.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *