AD

Sucesos

Fin de semana con múltiples accidentes e tres feridos graves en Santiago

today29 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

A Policía Local de Santiago rexistrou numerosas incidencias entre o venres 26 e o luns 29 de setembro, cun total de varios accidentes de tráfico, auxilios a persoas indispostas e intervencións en festas en pisos.

O sinistro máis grave produciuse o domingo ás 18:10 horas na avenida de Camilo José Cela-Torrente Ballester (SC-20), onde un vehículo sufriu unha saída de vía que rematou con dous feridos de carácter grave e importantes danos materiais. Ademais, o venres ás 07:00 horas, un accidente na rúa Volta do Castro deixou dous feridos leves.

Durante estes días producíronse tamén varios accidentes sen consecuencias persoais de gravidade en rúas como Domingo Fontán, Avenida de Lugo, Doutor Ángel Jorge Echeverri ou Gonzalo Torrente Ballester. Ademais, o vento provocou a caída de valados na rúa Xoaquín Díaz de Rábago, que causaron danos nun vehículo.

En materia de seguridade viaria, a Policía Local instruiu dilixencias penais contra un condutor na Avenida de Vilagarcía, que circulaba en período de suspensión temporal e deu positivo en alcol. Outro condutor, na rúa Ramón Cabanillas, negouse a realizar a proba de alcoholemia, o que tamén motivou actuacións penais. Nos controis de documentación, rexistráronse nove denuncias: cinco por uso do teléfono ao volante, dúas por non levar posto o cinto, unha por non trocar o permiso e outra por invadir liña continua.

A Policía interveu tamén en varias chamadas por festas en pisos, cun único resultado positivo o venres pola noite, e prestou auxilio a persoas desorientadas ou indispostas na rúa do Hórreo e na Praza de Feixoo.

Entre as colaboracións en eventos destacaron a marcha ciclista pola Semana Europea da Mobilidade, a procesión de San Miguel dos Agros, a andaina solidaria da Asociación Española contra o Cancro e actuacións coordinadas cos Bombeiros, como a limpeza dunha calzada esvaradía en Bernardo Barreiro de Vázquez Varela ou a retirada dunha fiestra en perigo de caer en Montero Ríos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *